Xa está aberto o prazo de solicitud das axudas para a PROMOCIÓN DO EMPREGO AUTÓNOMO, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo Plus no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027.
Obxecto
A finalidade deste programa é a concesión dunha axuda económica a aquelas persoas desempregadas que pretendan desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia como traballadoras autónomas ou por conta propia, para facer fronte aos distintos gastos xerados no comezo da súa actividade laboral.
Ao abeiro desta orde subvencionaranse as altas na Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional que, cumprindo os requisitos e condicións establecidos nela, se formalicen desde o 1 de outubro de 2022 ata o 30 de setembro de 2023, ambos inclusive.
Persoas beneficiarias
Serán beneficiarias aquelas persoas que causen alta definitiva no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional entre o 1 de outubro de 2022 e o 29 de setembro de 2023, ambos inclusive, como titulares ou cotitulares do negocio ou explotación.
Requisitos
Para ser beneficiario desta axuda deben cumprirse as seguintes condicións:
a) Estaren inscritas como demandantes de emprego nos servizos públicos de emprego, no momento da alta en vida laboral como persoas autónomas ou, no caso de mutualistas, mediante certificado da mutua, carecer de ocupación efectiva segundo informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e encontrarse en tal situación na data de inicio da actividade laboral.
b) Teren iniciada a actividade segundo definición do artigo 6.3 con anterioridade á presentación da solicitude da subvención.
c) Estaren de alta no imposto de actividades económicas.
d) Desenvolveren a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia (segundo a alta no imposto de actividades económicas ou no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria, modelo 036 ou 037).
e) Teren o domicilio fiscal en Galicia.
f) Non teren percibido subvencións ao abeiro dos distintos programas de emprego autónomo nos tres anos anteriores á data de inicio da nova actividade. Este prazo computarase desde a data de notificación da resolución de concesión da anterior subvención.
g) Non teren desenvolvido como persoas traballadoras autónomas a mesma ou similar actividade nos seis meses inmediatamente anteriores á data de inicio da nova actividade, nin que estivesen de alta como persoas traballadoras autónomas en calquera réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, sempre que a dita situación de alta presupoña actividade nos tres meses inmediatamente anteriores. Para estes efectos, entenderase por mesma actividade a coincidencia ao nivel de 3 díxitos da Clasificación nacional de actividades económicas (CNAE). Este requisito non se aplicará cando a actividade desenvolvida fose realizada por persoas autónomas colaboradoras.
2. As persoas traballadoras autónomas ou por conta propia poderán ser beneficiarias das axudas deste programa cando formen parte de comunidades de bens, sociedades civís ou outras entidades sen personalidade xurídica de nova creación, sempre que as soliciten a título persoal. Neste caso, a entidade deberá estar constituída previamente á presentación da solicitude de subvención.
3. Quedan excluídas deste programa as persoas socias de sociedades mercantís, sociedades laborais e os autónomos colaboradores.
4. Non poderán obter a condición de persoas beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde as persoas nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:
a) Seren condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obteren subvencións ou axudas públicas.
b) Solicitaren a declaración de concurso, seren declaradas insolventes en calquera procedemento, acharse declaradas en concurso, salvo que neste adquirise a eficacia un convenio, estaren suxeitas a intervención xudicial ou seren inhabilitadas conforme a Lei concursal, sen que conclúa o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.
c) Daren lugar, por causa da cal fosen declaradas culpables, á resolución firme de calquera contrato subscrito coa Administración.
d) Estaren incursas as persoas físicas, as persoas administradoras das sociedades mercantís ou aquelas que exerzan a representación legal doutras persoas xurídicas nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.
e) Non se acharen ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nos termos regulamentariamente establecidos.
f) Teren a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.
g) Non se acharen ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións nos termos regulamentariamente establecidos.
h) Seren sancionadas mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obteren subvencións, segundo a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou a Lei xeral tributaria.
5. Non poderán obter a condición de persoas beneficiarias as persoas solicitantes que estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido no artigo 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.6. A xustificación por parte das persoas solicitantes de non estaren incursas nas prohibicións contidas nos números 4 e 5 anteriores para obteren a condición de persoa beneficiaria realizarase mediante declaración responsable, con excepción do recollido no número 4.e), que se xustificará de conformidade co disposto no artigo 14.1.
Características da axuda
A contía das axudas, co obxecto de axudar as persoas desempregadas ao inicio e ao mantemento do emprego como persoa traballadora autónoma e deste xeito facilitarlles ingresos durante o inicio da súa actividade laboral, establécese, serán as seguintes:
✓ 2.000 € para persoas desempregadas en xeral.
✓ 4.000 € para o caso de persoas desempregadas que se inclúan nalgún dos seguintes colectivos, que non serán acumulables:
a) Persoas menores de 30 anos.
b) Persoas desempregadas de longa duración.
c) Persoas desempregadas con discapacidade o en situación de dependencia.
d) Persoas desempregadas que estean en situación ou risco de exclusión social.
e) Persoas maiores de 55 anos.
✓ A contía base correspondente incrementarase nun 25 % nos seguintes casos:
a) Se a persoa incorporada é unha muller.
b) No caso de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) da persoa autónoma estea situado nun concello rural.
c) Persoas maiores de 45 anos (incremento non aplicable á letra e) do punto 1.2 deste artigo).
d) Se a persoa incorporada é unha persoa emigrante retornada ou estranxeira.
e) Persoas trans.
f) Profesións e oficios en que a muller estea subrepresentada, segundo informe do Instituto Galego das Cualificacións, que se reflicte na lista que figura no anexo III.
*Estes seis incrementos son acumulables e deste xeito a contía máxima posible, de aplicárense todos os incrementos, sería de 10.000 €.
Forma e Prazo de Presentación
As solicitudes presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
O prazo de presentación de solicitudes iníciase o 25/01/2023 (00:00 Horas) ata o 29/09/2023 (23:59 Horas)
0 comentarios