Subvencións de apoio ao emprendemento para as persoas traballadoras autónomas e pequenas e medianas empresas, incluíndo cooperativas e sociedades laborais, que se atopen de alta e iniciasen a súa actividade económica dende o 1 de xaneiro de 2022 no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Beneficiarias e requisitos

Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas traballadoras autónomas, mutualistas e as pequenas e medianas empresas segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 e as sociedades cooperativas e laborais, así como as empresas de inserción e os centros especiais de emprego, previstos no artigo 6 da Lei 6/2016, do 4 de maio, da economía social de Galicia, que cumpran os dous requisitos seguintes: que se constitúan ou dean de alta, segundo a natureza xurídica da entidade de que se trate, e que iniciaran a súa actividade económica dende o 1 de xaneiro de 2022, de conformidade co establecido no artigo 1.

As persoas interesadas deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Ter o domicilio fiscal en Galicia.
b) Figurar inscritas como tales nos correspondentes rexistros administrativos da Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Ter presentado, de ser o caso, as contas anuais do último ano no Rexistro Mercantil ou no Rexistro de Cooperativas, segundo corresponda á súa forma xurídica.
d) Terse constituído ou dado de alta, segundo a natureza xurídica da entidade de que se trate, e ter iniciado a súa actividade económica no período que transcorre entre o 1 de xaneiro de 2022 ata a data de presentación da solicitude.
e) Ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.
f) Estar ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e da Seguridade Social para obter subvencións.
g) Non ter sido sancionadas mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións.

h) No caso das persoas mutualistas, especificamente deberán presentar ademais da documentación a que se refire o artigo 11, certificado do colexio profesional de alta no dito colexio, con indicación de si presupón ou non exercicio de actividade; e certificado da mutualidade do colexio profesional con indicación dos períodos de alta na dita mutualidade, de ser o caso.

Non poderán ser beneficiarias desta subvención aquelas iniciativas de emprendemento que obtiveran resolución favorable ao abeiro da Orde do 29 de setembro de 2022 (DOG Núm. 187, do 30.09.2022) e da Orde do 28 de xuño de 2023 (DOG Núm. 127 do 05.07.2023)

Conceptos subvencionables

Serán subvencionables os investimentos que correspondan de xeito indubidable ao proxecto empresarial constituído ou dado de alta, segundo a natureza xurídica da entidade de que se trate, e que teña iniciado a súa actividade económica dende o 1 de xaneiro de 2022.
En concreto:

  1. Equipamento informático.
  2. Activos intanxibles: activos que non teñen unha materialización física ou financeira.
  3. Investimentos en eficiencia enerxética.
  4. Adquisición de bens de equipamento e mobiliario.
  5. Reforma e habilitación das instalacións do local de negocio.
  6. Gastos notariais e/ou rexistrais.
  7. Gastos de aluguer de inmobles para a realización da actividade.
  8. A adquisición de activos pertencentes a un establecemento ou de bens de equipo de segunda man serán subvencionables sempre que cumpran os seguintes requisitos:
  • Que os activos sexan adquiridos a unha persoa terceira non relacionada coa persoa compradora.
  • Que conste unha declaración da persoa vendedora sobre a orixe dos bens e sobre que os mesmos non foron obxecto de ningunha subvención nacional ou comunitaria, e
  • Que o prezo non sexa superior ao valor de mercado de referencia nin ao custo dos bens novos similares, acreditándose estes extremos mediante certificación de taxador/a independente, ou dunha empresa subministradora de bens da mesma tipoloxía dos bens de segunda man obxecto de transacción.
  • Cando se adquiran bens de segunda man nestas condicións non será preciso achegar as tres ofertas ás que se fai referencia no artigo 11d).
  • Cando a persoa emprendedora sexa membro da familia do/a propietario/a inicial ou un/a empregado/a e se faga cargo da pequena empresa para continuar coa actividade non se aplicará, a condición de que os activos deban ser adquiridos a terceiras persoas non relacionadas coa persoa compradora.
  • A mera adquisición das accións dunha empresa non constituirá un investimento.

Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos en propiedade pola persoa beneficiaria, admitíndose expresamente, para estes efectos, as reformas de instalacións en inmobles alugados. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes deberán pasar a ser de propiedade plena da persoa beneficiaria antes do remate do prazo de execución do proxecto, debendo constar neste momento o vencemento e pagamento das cantidades aprazadas.

Os investimentos terán que estar realizados e pagados dentro do prazo de execución, que abrangue dende o 30 de setembro de 2023 ata a data da presentación da solicitude.

O investimento en bens inscritibles nun rexistro público terá que ser mantido, vinculado á actividade económica subvencionable, no centro de traballo en Galicia durante os 5 anos seguintes á data do pagamento final á persoa beneficiaria, e o resto do investimento, durante 2 anos desde a devandita data.

O investimento subvencionado poderá ser substituído no caso de obsolescencia, sempre e cando a actividade económica da beneficiaria se manteña en Galicia durante este período. Neste caso, deberá quedar constancia contable e no inventario da empresa da substitución efectuada.

Non serán subvencionables o IVE e outros impostos.

Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos a persoas terceiras.

En ningún caso poderá concertar a persoa beneficiaria a execución total ou parcial das actividades.

En ningún caso o custo dos investimentos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

Intensidade de axuda

A contía da axuda terá as seguintes porcentaxes de intensidade en función do rango de investimento total realizado:
a. Con investimentos de 5.000 € ou máis ata un límite de 10.000 €, a contía da axuda será do 60% do investimento.
b. Con investimentos de 10.001 € ou máis ata un límite de 30.000€, a contía da axuda será do 50% do investimento.
c. Con investimentos de 30.001 € ou máis ata un límite de 50.000 €, a contía da axuda será do 40% do investimento.
d. Con inversións de 50.001 € ou máis ata un límite de 100.000 €, a contía da axuda será do 30% do investimento.

Definicións

Para os efectos desta orde, entenderase por:

a) Equipamento informático: considéranse equipamento informático, para os efectos desta orde, os aparellos electrónicos e servizos anexos que posibiliten unha maior eficiencia no procesamento, almacenamento e visualización da información. Entre outros, considéranse as tabletas, ordenadores persoais de sobremesa, ordenadores portátiles ou similares, equipamentos de rede, servidores, conexión á internet, escáneres e similares, sempre que se destinen exclusivamente ao desenvolvemento da actividade económica da persoa solicitante.
En ningún caso se consideran subvencionables os teléfonos móbiles e smartphones.

b) Activos intanxibles: activos que non teñen unha materialización física ou financeira: adquisición da propiedade ou do dereito ao uso de programas informáticos, incluída a subscrición a software estándar do mercado durante o período subvencionable. Tamén inclúe os gastos de creación e desenvolvemento de programas informáticos á medida e páxinas web, sempre que a súa utilización estea prevista durante varios exercicios, e patentes, licenzas e coñecementos técnicos ou outros dereitos de propiedade intelectual.

c) Investimentos en eficiencia enerxética: toda aquela compra de produtos e instalacións que reduzan o consumo enerxético, entre outras, o cambio de sistemas de iluminación, ou cambios de maquinaria e instalacións.

d) Investimentos para a substitución de combustibles fósiles ou materiais críticos ou escasos: enténdese por tal o cambio de máquinas e instalacións de enerxías fósiles a enerxías limpas.

e) Adquisición de bens de equipamento e mobiliario: maquinaria, bens de equipamento ou ferramentas mediante as cales se mellore o proceso produtivo. Así como equipamentos e medios de transporte interno, medios de protección do ambiente e outros bens de equipamento incluído mobiliario, conxunto de mobles que serven para a actividade normal da empresa, como mesas, cadeiras, andeis, mostradores e vitrinas.
En ningún caso se consideran subvencionables os vehículos, naves, aeronaves e similares, constitúan ou non a actividade empresarial propia da persoa solicitante.

f) Reforma e habilitación das instalacións do local do negocio: obras que consisten normalmente en reparacións, decoracións ou ornatos (incluída a rotulación) que non modifican a estrutura construtiva do local. Respecto ás decoracións e ornatos, incluída a rotulación do local, deberán respectar o establecido no artigo 13 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, segundo o cal a Xunta de Galicia, non só a través dos medios de comunicación de titularidade autonómica, senón tamén a través daqueles nos que participe ou aos cales subvencione, garantirá a transmisión dunha imaxe igualitaria, plural e non estereotipada das mulleres e dos homes e, en concreto, a utilización non sexista da linguaxe e das imaxes, especialmente no ámbito da publicidade.

En canto aos gastos notariais e/ou rexistrais subvencionables, estes deberán estar directamente relacionados coa actividade subvencionada e ser indispensables para a súa axeitada preparación ou execución, segundo o establecido no artigo 29.7 da Lei 9/2007 do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Respecto dos gastos de aluguer, correponderanse co local ou centro de traballo no que se realice a actividade subvencionada.

No caso dos gastos notariais e/ou rexistrais, serán dun máximo de 300 € por persoa beneficiaria, e no caso do alugueiro dun máximo de 600 € por persoa beneficiaria.

Enténdese por local do negocio o centro de traballo declarado no anexo I. Exclúese o domicilio habitual da persoa traballadora autónoma.

Exclúese a adquisición de bens e servizos que poidan ser considerados como mercadoría pola cal a empresa obteña beneficios segundo a súa actividade.



Categorías: AXUDAS

0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *