Obxecto
Esta convocatoria ten por obxecto establecer as bases reguladoras do procedemento de concesión de subvencións a aquelas persoas físicas ou xurídicas que acrediten a condición de editoras de acordo co establecido na presente orde, para o que deberán estar dadas de alta antes do 1 de xaneiro de 2024, na epígrafe 476.1 edición de libros, do imposto de actividades económicas.
As axudas van dirixidas a apoiar o sector editorial no que se refire aos gastos derivados da edición (produción), distribución e comercialización das súas publicacións en formato audiolibro e libros adaptados en lectura fácil en galego, editados, comercializados e distribuídos entre o 1 de xaneiro de 2024 e o 30 de setembro de 2025.
Esta orde regula as seguintes modalidades de produción, distribución e comercialización:
a). Modalidade A. Axudas ao sector editorial, relativas a gastos de produción, distribución e comercialización de audiolibros en galego.
b). Modalidade B. Axudas ao sector editorial, relativas a gastos de produción, distribución e
comercialización de libros en lectura fácil en formato físico ou dixital, en galego.
Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde aquelas persoas, físicas ou xurídicas as que se refire o artigo 1 da presente orde.
As persoas, físicas ou xurídicas, solicitantes deben acreditar a condición de editoras de acordo co establecido na presente orde, estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
As axudas establecidas nesta orde para apoiar ás editoras na produción de audiolibros e libros en lectura fácil en galego quedan suxeitas ao Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE 15.12.2023 Serie L).
As axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites sinalados no Regulamento (UE) 2023/2831. A contía total das axudas de mínimis concedidas a unha empresa non poderá exceder os 300.000€ no período dos tres exercicios fiscais previos. Este limiar aplicarase independentemente da forma da axuda ou do obxectivo perseguido. As axudas de mínimis non se acumularán con ningunha axuda estatal correspondente aos mesmos gastos subvencionables se dita acumulación dá lugar a unha intensidade de axuda superior á establecida para as circunstancias concretas de cada caso pola normativa
comunitaria.
O procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co establecido no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, coas garantías previstas no artigo 31.4 da dita lei, e con base no disposto no artigo 32 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da devandita lei.
As subvencións concedidas ao abeiro desta convocatoria son compatibles con calquera outra que puidese ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da acción que levou a cabo a persoa beneficiaria.
Para acceder ás subvencións previstas nesta convocatoria as persoas beneficiarias deberán estar ao corrente do pagamento de obrigas por reintegro de axudas públicas.
Entidades excluídas:
a). Aquelas que se atopen nos supostos previstos nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
b). Aquelas que se atopen sancionadas administrativa ou penalmente coa perda da posibilidade de obtención de subvencións públicas, ou incorra en prohibición legal algunha que a inhabilite para iso, con inclusión das que se produciron por discriminación de sexo de conformidade co disposto na Disposición Final sexta da Lei 4/2005, do 18 de febreiro, para a Igualdade de Mulleres e Homes.
c). Non se concederán subvencións ás solicitudes formuladas por asociacións e fundacións. Así mesmo, as persoas beneficiarias deberán cumprir os restantes requisitos establecidos pola Lei de subvencións de Galicia.
Gastos subvencionables
Só se financiarán os gastos realizados que respondan de xeito directo e indubidable á natureza da actividade subvencionada e resulten estritamente necesarios para a súa realización:
Modalidade A. Axudas ao sector editorial, relativas a gastos de produción, distribución e comercialización de audiolibros en galego
a). Gastos de preparación da obra para a súa conversión: considéranse gastos de produción, os de locución, medios técnicos do proceso de gravación (técnicas de son), corrección editorial, dirección, ou calquera outro gasto de similar natureza.
b). Gastos de alugueiro ou de disposición do equipo técnico necesario para a produción final.
c). Gastos de distribución: calquera actuación que permita a chegada da obra ás canles de
difusión dixitais para acadar a posta efectiva ao dispor do público.
d). Gastos de comercialización: estratexias de marketing e publicidade en diferentes canles
que favorezan o consumo da obra.
Modalidade B. Axudas ao sector editorial, relativas a gastos de produción, distribución e
comercialización de libros en lectura fácil en formato físico ou dixital, en galego.
a). Custe editorial: considéranse gastos de custe editorial, os de autoría, adaptación, tradución, revisión, validación, maquetación, custos de preimpresión e impresión, dixitalización ou calquera outro de natureza similar.
b). Gastos de distribución: calquera actuación que permita a chegada da obra ás canles de difusión físicas ou dixitais para acadar a posta efectiva ao dispor do público.
c). Gastos de comercialización: estratexias de marketing e publicidade en diferentes canles que favorezan o consumo da obra.
Contía da Axuda
Audiolibros obxecto de subvención
A contía da axuda determinarase sobre os límites máximos de gastos subvencionables.
Adxudicaranse as subvencións por orde de puntuación unha vez aplicados os criterios e as limitacións orzamentarias establecidas neste artigo, asegurando que o importe final adxudicado a cada audiolibro sexa o 80% do orzamento solicitado, ata esgotar o orzamento da convocatoria.
O importe máximo co que se subvencionará cada audiolibro será de 5.000€.
Adxudicarase unha axuda de, como máximo, 20.000€ por empresa editora.
Libros en lectura fácil obxecto de subvención
A contía da axuda determinarase sobre os límites máximos de gastos subvencionables.
Adxudicaranse as subvencións por orde de puntuación unha vez aplicados os criterios e as limitacións orzamentarias establecidas neste artigo, asegurando que o importe final adxudicado a cada libro en lectura fácil sexa o 90% do orzamento solicitado, ata esgotar o orzamento da convocatoria.
O importe máximo co que se subvencionará cada libro adaptado en lectura fácil será de 6.000€.
Adxudicarase unha axuda de, como máximo, 15.000€ por empresa editora.
0 comentarios