Subvencións a proxectos tractores para o turismo na contorna do Camiño de Santiago – 2023

Data de publicación: 17/11/2023
Data de inicio solicitude: 18/11/2023
Data de remate solicitude: 18/03/2024

Obxecto

Esta Resolución ten por obxecto publicar as bases e a convocatoria de axudas para a posta en marcha de proxectos tractores que teñan un efecto transformador no sector turístico galego e a posta en valor de elementos patrimoniais senlleiros de Galicia, cos obxectivos de ampliar a oferta de aloxamento e de restauración e promover un turismo sustentable na contorna do Camiño de Santiago na Comunidade Autónoma de Galicia.

Características da axuda

Pódense diferenciar dúas tipoloxías de proxecto:

A. Proxectos tractores de competitividade e sustentabilidade turística.

Trátase de proxectos tractores con efectos a longo prazo, que contribúan á transición verde e á creación de emprego na contorna do Camiño de Santiago. Os beneficios da actuación non se limitarán á empresa en cuestión, senón ao sector turístico e á sociedade en xeral a través de efectos indirectos positivos.

Os novos establecementos turísticos deberán situarse en infraestruturas emblemáticas do patrimonio arquitectónico ou etnolóxico de Galicia, segundo as tipoloxías incluídas nos artigos 88 e 91 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

Deberán cumprir como mínimo con dúas das seguintes condicións:

  • Creación de, polo menos, 5 postos de traballo directos. Deberá achegarse unha declaración responsable coa solicitude en que conste este compromiso, que deberá materializarse antes do remate do prazo de xustificación.
  • Creación de vínculos con axentes públicos e privados do territorio que poidan exercer un efecto panca positivo no sector turístico ou outros sectores de actividade. Deberán achegarse os acordos ou convenios de colaboración que xustifiquen as colaboracións e unha memoria descritiva da contribución á dinamización económica da rexión.
  • Creación dun novo establecemento turístico que promova o turismo sustentable, mediante a implantación de novas fórmulas de xestión (utilización de produtos de proximidade ou ecolóxicos, implantación de fórmulas de reciclaxe…) ou programas de actividades ou sensibilización ambiental para as persoas usuarias turísticas. Deberá achegarse unha memoria descritiva da contribución á sustentabilidade turística.

B. Proxectos tractores dinamizadores do turismo cultural.

Trátase de proxectos tractores con efectos a longo prazo que compatibilicen a creación de oferta de aloxamento ou de restauración coa posta en marcha dun proxecto cultural dinamizador do turismo na rexión. Os proxectos deberán cumprir a totalidade dos seguintes requisitos:

  • A creación do establecemento turístico debe ir unida á posta en valor e mellora ou rehabilitación dun ben de interese cultural (BIC).
  • Polo menos un 80 % da capacidade temporal ou espacial anual destinarase a fins culturais. O requisito de dedicar o 80 % da capacidade temporal a fins culturais deberá acreditarse mediante a achega do programa de actividades anual e/ou do calendario co réxime de visitas, apertura e peche. Este cómputo realizarase en días, de xeito que o BIC poida ser visitable ou se realicen actividades culturais polo menos un 80 % do tempo que o establecemento estea en funcionamento no período do ano natural. Os días en que o BIC sexa visitable, o horario de visitas non poderá ser inferior a 4 horas diarias. Alternativamente, o cumprimento da dedicación a fins culturais poderá complementarse co desenvolvemento de actividades culturais, coa duración que se considere oportuna pola entidade beneficiaria, o que deberá xustificar coa achega do programa de actividades anuais.

Os proxectos achegados deberán ascender a un mínimo de 300.000 euros de investimento para o conxunto das tres liñas de subvencionabilidade.

Os proxectos deberán contribuír á creación de oferta de aloxamento ou de restauración que se xustificará coa alta no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) antes do remate do período de xustificación. A Axencia de Turismo comprobará o cumprimento deste requisito ao rematar o período de xustificación.

Os proxectos deberán situarse na contorna do Camiño de Santiago, polo que soamente se admitirán proxectos situados naqueles concellos onde transcorra o trazado do Camiño de Santiago.

O proxecto de establecemento turístico deberá contar con informe previo favorable da Axencia de Turismo no momento de presentación da solicitude da axuda, de conformidade coa normativa turística de aplicación.

A contía da axuda será o resultado de multiplicar o investimento subvencionable do proxecto polas intensidades de axuda previstas para cada tipoloxía proxecto.

Os proxectos tractores de competitividade e sustentabilidade turística poderán optar ás seguintes contías por categoría de empresa:

  • 35 %, no caso das pequenas empresas.
  • 25 %, no caso das medianas empresas.
  • 15 %, no caso de grandes empresas.

Os proxectos tractores dinamizadores do turismo cultural poderán optar a unha axuda máxima dun 80 % dos custos subvencionables ata o límite máximo de 2.200.000 euros por proxecto.

Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias as pequenas e medianas empresas e grandes empresas que proxecten levar a cabo un investimento para a posta en marcha dun novo establecemento turístico localizado na Comunidade Autónoma de Galicia.

Para estes efectos, as entidades solicitantes deberán acreditar a categoría da empresa de que se trate, pequena, mediana ou grande, no momento da presentación da solicitude de axuda.


0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *