Axudas para a posta en marcha de proxectos tractores que teñan un efecto transformador no sector turístico enogastronómico de Galicia, cos obxectivos de ampliar a oferta de aloxamento e de restauración e promover un turismo enogastronómico sostible na Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento TU503J), así como proceder á súa convocatoria para o ano 2024, con carácter plurianual.
Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas (en diante, pemes) e grandes empresas que proxecten levar a cabo un investimento para a posta en marcha dun novo establecemento turístico localizado na Comunidade Autónoma de Galicia, considerado subvencionable ao amparo do regulado nas presentes bases. Para estes efectos, as persoas solicitantes deberán acreditar a categoría da empresa de que se trate, pequena, mediana ou grande, no momento da presentación da solicitude de axuda.
Deberá acreditarse, por calquera título válido en dereito, a propiedade dos inmobles ou predios obxecto da actuación ou calquera outro dereito que autorice á persoa beneficiaria á realización do investimento subvencionado e que permita, igualmente, a explotación do establecemento durante todo o prazo de duración da obrigación de manter a actividade prevista no artigo 10 destas bases.
Condicións dos proxectos
Os proxectos presentados deberán ascender a un mínimo de 200.000,00 euros de investimento para o conxunto das catro liñas de subvencionabilidad.
Os proxectos deberán contribuír á creación de oferta de aloxamento ou de restauración que se xustificará co alta no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) antes da finalización do período de xustificación. A Axencia de Turismo comprobará o cumprimento deste requisito ao finalizar o período de xustificación.
Actuacións subvencionables
Será requisito da actuación subvencionable que o proxecto presentado teña como finalidade a creación dun novo establecemento de aloxamento turístico ou restauración, segundo os artigos 55 e 77 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, #de acordo con algunha das seguintes tipoloxías:
- Establecementos hostaleiros
- Pensións
- Apartamentos
- Vivendas turísticas
- Establecementos de turismo rural
- Albergues turísticos
- Campamentos de turismo
- Establecementos de restauración (restaurantes, cafeterías, bares)
Trátase de proxectos tractores con efectos a longo prazo, que contribúan á transición verde, á creación de emprego, á sustentabilidade turística do destino e á posta en valor da enogastronomía de Galicia. Os beneficios da actuación non se limitarán á empresa en cuestión, senón ao sector turístico e á sociedade en xeral a través de efectos indirectos positivos.
O proxecto deberá ir aparellado da posta en marcha de experiencias enogastronómicas, tales como visitas en orixe que poñan en valor o proceso de creación da materia prima, o seu coidado, recolección, procesado, elaboración do produto final, así como experiencias interactivas de cociña ou showcooking, degustacións e catas. As experiencias deberán contar entre os seus produtos principais con, polo menos, un produto que conte con Denominación de Orixe Protexida de Galicia,
Indicación Xeográfica Protexida de Galicia, a certificación Viños da Terra, ou que dispoñan do selo de destino Galicia Calidade. Deberá presentarse unha memoria explicativa do proxecto enogastronómico que se vai a desenvolver.
Os proxectos deberán cumprir, polo menos, dous das seguintes condicións:
- Creación dun mínimo de cinco postos de traballo directos. Deberá achegarse unha declaración responsable coa solicitude na que conste este compromiso, que deberá materializarse antes da finalización do prazo de xustificación.
- Creación de vínculos con axentes públicos e privados do territorio que poidan exercer un efecto panca positivo no sector turístico ou outros sectores de actividade.
Deberán achegarse os acordos ou convenios de colaboración que xustifiquen as colaboracións e unha memoria descritiva da contribución á dinamización económica da rexión. - Contribución á sustentabilidade turística, mediante a implantación de novas fórmulas de xestión (utilización de produtos de proximidade ou ecolóxicos, implantación de fórmulas de reciclaxe,…) ou ben mediante programas de actividades ou sensibilización ambiental para as persoas usuarias turísticas. Deberá achegarse unha memoria descritiva da contribución á sustentabilidade turística.
Pódense diferenciar catro liñas de gasto subvencionable:
a) Liña 1: creación de infraestruturas de aloxamento e restauración con criterios de sustentabilidade e eficiencia enerxética.
Trátase de novos proxectos para a posta en marcha de novos establecementos turísticos de aloxamento ou restauración, que supoña a creación de novas infraestruturas ou rehabilitación de infraestruturas xa existentes, integradas coa contorna e o medio ambiente natural.
b) Liña 2: sistemas de enerxías renovables e economía circular no novo establecemento turístico.
Trátase de investimento en enerxías renovables, máis respectuosas coa contorna, que favorezan a redución da pegada de carbono.
c) Liña 3: proxectos dixitais vinculados á enogastronomía e á sustentabilidade turística no novo establecemento turístico.
Trátase de proxectos dixitais promovidos por establecementos turísticos de aloxamento e restauración para a posta en valor de produtos vitivinícolas e gastronómicos de Galicia que contan cuns requirimentos de calidade demostrada.
Inclúe a creación de programas de desenvolvemento de contornas intelixentes que favorezan experiencias de turismo enogastronómico para os visitantes (uso de aplicacións móbiles, realidade aumentada, aplicación de intelixencia artificial, creación de contornas de realidade virtual, xogos, visitas virtuais…).
Tamén inclúe o desenvolvemento tecnolóxico aplicado ao márketing turístico, á personalización, ao desenvolvemento de contidos audiovisuais de calidade e ao uso de ferramentas interactivas (photocall interactivo, cartelería interactiva,…).
d) Liña 4: experiencias enogastronómicas vinculadas ao novo establecemento turístico.
Trátase do deseño de experiencias enogastronómicas, tales como visitas en orixe que poñan en valor o proceso de creación da materia prima, o seu coidado, recolección,procesado, elaboración do produto final, así como experiencias interactivas de cociña ou showcooking, degustacións e catas. As experiencias deberán contar entre os seus produtos principais, polo menos, cun produto que conte con Denominación de Orixe Protexida de Galicia, Indicación Xeográfica Protexida de Galicia, a certificación Viños da Terra, ou que dispoñan do selo de destino Galicia Calidade
Contía da axuda
A contía da axuda será o resultado de multiplicar o investimento subvencionable polas seguintes intensidades de axuda, segundo a categoría de empresa:
- 35 %, no caso das pequenas empresas.
- 25 %, no caso das medianas empresas.
- 15 %, no caso de grandes empresas.
O límite máximo de axuda pública será de 600.000,00 euros por proxecto. Para estes efectos, enténdese por proxecto a posta en marcha dun novo establecemento turístico de aloxamento ou restauración.
0 comentarios