Obxecto
Estas bases teñen por obxecto aprobar a convocatoria pola que se rexerá a concesión, seguimento e xustificación de axudas dirixidas a entidades sen fins de lucro para a realización de actividades culturais que teñan lugar entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2024.
A finalidade destas axudas é reforzar e desenvolver as capacidades do sector cultural e incrementar a actividade cultural no noso territorio, entendida como un motor de cambio, dinamización e transformación social.
A través desta liña de subvencións preténdense activar procesos culturais na provincia de Pontevedra, e, excepcionalmente, fóra da comunidade autónoma de Galicia cando teñan relevancia para os intereses provinciais, que afonden nos vínculos individuais e sociais co territorio, ofrecendo novas oportunidades laborais, de emprego estable e de calidade no eido cultural nas contornas rurais.
Actividades subvencionables
Serán subvencionables as actividades que realicen as entidades previstas na base precedente, que respondan ás finalidades recollidas na base segunda e que se desenvolvan no período que comprende desde o 1 de xaneiro ata o 31 de decembro de 2024, no ámbito territorial da provincia de Pontevedra, ou a participación en festivais, certames e intercambios de carácter nacional e internacional, sempre que sexa fóra da comunidade autónoma de Galicia, cando teñan relevancia para os intereses provinciais.
Para os efectos destas bases, descríbense a continuación as actividades elixibles:
Liña 1:
• As actividades para a posta en valor do patrimonio inmaterial propio das vilas e comarcas da nosa provincia (costumes, tradicións, etnografía, crenzas e mitos).
• Os festivais, as mostras, os encontros e os certames culturais.
• Os certames e as actividades de posta en valor da pintura, da escultura, da arquitectura e da banda deseñada.
Liña 2:
• Participación en festivais, certames ou concursos nacionais e internacionais.
• Intercambios culturais para potenciar o patrimonio musical e cultural fóra da comunidade autónoma de Galicia.
Documentación
Cada entidade solicitante poderá presentar unha única solicitude para optar a esta convocatoria por cada unha das liñas, na que se indicará a actividade concreta que se vai realizar.
As entidades deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
• Memoria explicativa dunha actividade cultural concreta, asinada pola persoa representante. En ningún caso se subvencionarán as actividades que se realicen ao longo de todo o ano, senón unicamente unha actividade concreta, da que se terá que indicar o lugar e a data da súa realización.
• Para aquelas solicitudes da liña 2, ademais, xustificante de inscrición ou carta de invitación para participar no festival, certame ou concurso.
A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que entreguen. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para cotexalo coa copia electrónica presentada.
0 comentarios