Obxecto
Subvencións, de carácter plurianual para os anos 2023 e 2024, en réxime de concorrencia competitiva, dirixidas ás entidades deportivas de Galicia, para a construción, reforma, reparación, adecuación ou mellora de instalacións deportivas
A quen vai dirixido?
Poderán ser entidades beneficiarias destas subvencións as entidades deportivas inscritas no Rexistro de entidades deportivas de Galicia que, con carácter previo á resolución de concesión da axuda, teñan as súas instalacións inscritas no Rexistro de Instalacións Deportivas de Galicia consonte o establecido no Decreto 52/2022, do 28 de abril, polo que se crea e regula o Rexistro de Instalacións Deportivas de Galicia (DOG núm. 91, do 11 de maio).
Prazo
Prazo de presentación: ABERTO
21/06/2023 00:00 – 20/07/2023 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
Documentación para a presentación
Solicitudes .
1. A solicitude presentarase axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo I a estas bases e dirixirase á Secretaria Xeral para o Deporte.
2. As solicitudes presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude ou a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
3. Cada entidade deportiva poderá presentar unha única solicitude. No caso de presentar dúas ou máis solicitudes, a Comisión de Valoración comunicarao á interesada para que, no prazo máximo de tres días, poida desistir da solicitude ou solicitudes necesarias para dar cumprimento ao establecido neste punto. De non se ter recibido a comunicación da desistencia dentro do prazo establecido, inadmitiranse todas as solicitudes presentadas.
Documentación complementaria .
1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Unha declaración de adhesión ao Manifesto pola igualdade no deporte, segundo o modelo do anexo II.
b) A acreditación de representación, no caso de que non sexa a persoa presidenta da entidade quen actúe como persoa representante na tramitación deste procedemento, segundo o modelo do anexo III.
c) Unha certificación emitida e asinada electronicamente pola persoa representante da entidade, segundo o modelo do anexo IV, na que conste:
1) O acordo adoptado polo órgano competente da entidade deportiva polo que se aproba a solicitude de axuda e as condicións e requisitos da presente orde, con expresión concreta da actuación solicitada.
Este acordo deberá estar adoptado antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes e nel constará expresamente que se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos na orde.
2) A relación de todas as axudas solicitadas ou concedidas, para a mesma actuación solicitada ao abeiro desta orde das distintas administracións públicas ou outros entes públicas, e compromiso de comunicar decontado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.
3) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.
4) Que a entidade non está incursa en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiario dunha subvención, nin en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. Para os efectos do previsto no artigo 11.e) e concordantes da Lei de subvencións de Galicia, esta declaración será documento suficiente para acreditar que a entidade está ao día nas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e que non é debedor por resolución de procedemento de reintegro.
d) Unha memoria explicativa onde se xustifique a necesidade da actuación para a que se solicita a subvención, asinada electronicamente pola persoa representante da entidade, así como canta información sexa precisa para permitir a aplicación dos criterios sinalados no artigo 10 da presente orde.
e) O documento acreditativo da titularidade do terreo e/ou inmoble no que se pretenda realizar a actuación ou, se é o caso, da posesión do título bastante que habilite a entidade para a realización das obras, así como para o uso posterior do construído ou reformado por período non inferior a cinco (5) anos.
f) O proxecto técnico ou memoria valorada da obra que se pretende realizar, asinado electronicamente polo técnico ou técnica que o redacte, co seguinte contido mínimo:
– Memoria explicativa.
– Orzamento detallado, desagregado a nivel de partida, con indicación das unidades e prezos de cada unha. En ningún caso se admitirán orzamentos a tanto global.
– Planos a escala e detalle suficiente para describir as actuacións.
– Planos de situación, indicando as coordenadas UTM de cada unha das actuacións que integran a solicitude.
As entidades que resulten beneficiarias quedarán obrigadas a presentar o correspondente proxecto técnico e as autorizacións administrativas municipais e sectoriais oportunas, se a entidade e complexidade das obras que se vaian executar o exixisen.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.
3. As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos .
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) Número de identificación fiscal (NIF) da entidade solicitante.
b) DNI/NIE da persoa representante.
c) NIF da entidade representante.
d) Certificado da Seguridade Social que acredite o cumprimento das obrigas fronte á Seguridade Social.
e) Certificado da Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) que acredite non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
f) Certificado da Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT) que acredite o cumprimento das obrigas tributarias.
g) Consulta de concesións de subvencións e axudas.
h) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.
i) Consulta de concesión pola regra de minimis.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar das persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes .
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
0 comentarios