Obxecto
Axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas a persoas coidadoras dentro do programa Respiro familiar para persoas coidadoras para o exercicio 2024
Para facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das persoas coidadoras, defínense as actuacións subvencionables a través das seguintes modalidades do citado programa:
a) Modalidade de respiro no fogar, nas condicións detalladas no artigo 5.1, para financiar os gastos da atención puntual, integral e directa no propio fogar da persoa dependente ou con discapacidade ou en situación de necesidade de terceiros para as actividades da vida diaria, acreditada mediante informe médico e social.
a) Modalidade de respiro en centro de día, nas condicións detalladas no artigo 5.2, para financiar os gastos da atención puntual, integral e directa en centros de día da Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Modalidade de respiro en residencia, nas condicións detalladas no artigo 5.3, para financiar o gasto nas estadías temporais en centros residenciais da Comunidade Autónoma de Galicia.
Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias das axudas deste programa aquelas persoas coidadoras habituais non profesionais que atendan de forma continuada unha ou máis persoas dependentes ou con discapacidade ou en situación de necesidade de terceiros para as actividades da vida diaria, acreditada mediante informe médico e social.
A persoa atendida da lugar a unha única axuda que pode ser compartida por dúas ou máis persoas coidadoras. Neste caso a axuda repartirase proporcionalmente ao gasto xustificado por cada unha das persoas coidadoras.
Requisitos para acceder á subvención
Para que a persoa coidadora sexa beneficiaria da subvención é necesario que concorran os seguintes requisitos:
a) Que a persoa coidadora solicitante da subvención, ou a persoa ou persoas que ela atenda, sexan residentes na Comunidade Autónoma de Galicia.
a) Que a persoa que se atende se encontre nalgunha das seguintes situacións:
1º. Discapacidade física, psíquica ou mental con necesidade de axuda de terceiras persoas para as actividades da vida diaria, e ter recoñecida polo organismo competente unha discapacidade en grao igual ou superior ao 75%.
2º. Ter recoñecida a situación de dependencia polo organismo competente no grao II ou III.
3º. Que a persoa que se atende, no caso de non encontrarse nas situacións enumeradas nos ordinais anteriores, presente unha situación de necesidade de terceiros para as actividades da vida diaria, acreditada mediante informe médico e social. Ademais, as persoas coidadoras, para seren beneficiarias da subvención teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Tipo de axuda e contía
Na modalidade respiro no fogar, a axuda consistirá nunha achega para contribuír ao pagamento do servizo de atención a domicilio para atender as necesidade puntuais nos supostos convenientemente acreditados.
As actuacións do servizo cubrirán os coidados persoais e de acompañamento que necesita a persoa que se atende, en ausencia das persoas coidadoras, e pódense prestar as seguintes tarefas:
a) Compañía activa: manter conversa, lectura e apoio.
b) Acompañamento a paseos e axuda para desprazamentos.
c) Aseo, hixiene persoal e mobilización.
d) Administración de alimentos: poñer ou dar alimentos preparados previamente polos familiares.
e) Administración da medicación oral segundo as indicacións dos familiares e prestar coidados mínimos á persoa a atender con enfermidades crónicas.
f) Acompañamento a actividades culturais e de lecer.
g) Calquera outra tarefa implícita no desenvolvemento das anteriores.
Cando nun domicilio se atenda a máis dunha persoa, as tarefas que se presten deberán ser compatibles coa vixilancia e atención de todas elas.
A axuda dirixida ás persoas beneficiarias que se establecen no artigo 3 desta orde consistirá nunha achega que pode acadar ata o 100 % do custo das actuacións subvencionables, cun máximo de 1.000 euros por persoa beneficiaria/ano.
Na modalidade respiro en centro de día, a axuda consistirá nunha achega para contribuír ao pagamento do servizo de atención no centro de día para atender as necesidades puntuais nos supostos convenientemente acreditados.
O obxectivo desta modalidade é atender á persoa dependente, con discapacidade ou con necesidade de terceiros para as actividades da vida diaria no centro de día e ofertarlle á súa persoa coidadora habitual a posibilidade de dispoñer dunhas horas para o seu descanso persoal ou ben para cubrir as súas necesidades puntuais derivadas da conciliación das obrigas laborais e persoais e as responsabilidades familiares que se produzan.
A axuda dirixida ás persoas beneficiarias que se establecen no artigo 3 consistirá nunha achega que pode acadar ata o 100 % do custo das actuacións subvencionables, cun máximo de 1.000 euros por persoa beneficiaria/ano.
A modalidade respiro en residencia consistirá nunha achega para contribuír ao pago da residencia ante unha necesidade puntual nos supostos convenientemente acreditados.
Para dar resposta á necesidade de descanso da persoa coidadora, esta modalidade de subvención destinarase a sufragar os gastos das estadías temporais da persoa en situación de dependencia ou con discapacidade atendida nun centro residencial dotado dos recursos necesarios para prestarlle unha atención integral.
A axuda dirixida ás persoas beneficiarias que se establecen no artigo 3 consistirá nunha achega que pode acadar ata o 100 % do custo das actuacións subvencionables cun máximo de 1.500 euros por persoa beneficiaria/ano.
0 comentarios