Obxecto e finalidade

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas enmarcadas no programa Iniciativa Xove, que están destinadas á posta en marcha de iniciativas xuvenís durante o ano 2024, e proceder á súa convocatoria.

Para os efectos desta convocatoria, entenderanse por iniciativas xuvenís os proxectos liderados polas persoas novas da Comunidade Autónoma de Galicia en que estas sexan as verdadeiras protagonistas, a través da participación activa na planificación e na realización das actividades deseñadas por elas mesmas.

A finalidade destas subvencións é fomentar e consolidar a participación libre e eficaz das persoas novas no desenvolvemento político, social, económico e cultural, así como promover a adecuada utilización do lecer, a calidade de vida e o seu benestar a través de proxectos integrais e específicos de actuación, prioritariamente nas áreas establecidas.

Persoas solicitantes
Poderán solicitar a axuda, ao abeiro destas bases reguladoras:

a) As asociacións xuvenís, as entidades prestadoras de servizos á mocidade e as súas respectivas federacións, sempre que, no caso destas últimas, o proxecto que presenten sexa diferente do que presenten as asociacións xuvenís ou entidades prestadoras que formen parte da federación.

b) Os grupos informais de persoas mozas que desexen realizar unha iniciativa xuvenil e que reúnan os requisitos establecidos

Requisitos

As asociacións xuvenís, as entidades prestadoras de servizos á mocidade e as súas respectivas federacións deberán estar inscritas, no momento de presentación da solicitude, no censo oficial dependente organicamente da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, regulado na Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia, e no Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro, polo que se refunde e actualiza a normativa vixente en materia de xuventude, e cumprir a legalidade vixente no referente ás idades das persoas membros das asociacións xuvenís, de conformidade co Real decreto 397/1988, do 22 de abril, polo que se regula a inscrición rexistral de asociacións xuvenís.

Os grupos informais deberán estar formados por un mínimo de 5 e un máximo de 8 persoas mozas con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos, debidamente identificadas. Unha destas persoas asumirá o papel de representante do grupo e con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como persoa beneficiaria, lle corresponden ao grupo e, en consecuencia, a todas as persoas que o forman.

Proxectos subvencionables

O orzamento total do proxecto que presenten as persoas solicitantes non poderá ser superior a 5.000€.

O proxecto deberá levarse a cabo no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

No caso daqueles proxectos que indiquen que precisan formación para o seu desenvolvemento, acreditarase suficientemente que as persoas docentes están cualificadas para impartir a dita formación, para o que xuntarán o seu currículo, ademais da correspondente documentación acreditativa. Así mesmo, especificaranse os contidos e xuntarase o programa de formación que se vai impartir.
A variación nas persoas que vaian impartir a formación, de ser o caso, comunicarase con anterioridade ao seu inicio á Consellería de Política Social e Xuventude, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, para o que se debe enviar a nova documentación acreditativa. As novas persoas que vaian impartir a formación deberán ter o nivel de capacitación axustado á citada finalidade.

Calquera das actividades desenvolvidas será de carácter gratuíto para as persoas destinatarias do proxecto e non poderán xerarse ingresos por pagamento de cotas, entradas ou outros de similar natureza.

As actividades que constitúen o obxecto do proxecto deberán ser realizadas de forma directa pola entidade ou grupo beneficiario e non poderán ser subcontratadas.

Contía da axuda
A contía da axuda concedida será igual á contía do orzamento do proxecto. En consecuencia, financiarase a través do programa Iniciativa Xove o cento por cento do proxecto. O orzamento non poderá superar os 5.000 euros


Descubre máis desde ASEC ASESORES

Subscríbete para recibir as últimas entradas no teu correo electrónico.


0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *