O programa Emega comprende un conxunto de axudas dirixidas a apoiar a posta en marcha, a mellora e reactivación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres, xunto con medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como o acceso a servizos específicos de información, asesoramento e orientación empresarial co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos empresariais promovidos por mulleres.
Con esta finalidade, o programa Emega comprende as seguintes liñas de axuda:

a) Liña Emprende: liña de axudas económicas mediante incentivos para promover a posta en marcha de novas iniciativas empresariais e a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea.

b) Liña Activa: liña de axudas económicas mediante incentivos para favorecer a reactivación, a consolidación de empresas constituídas por mulleres, ou a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade, dirixidas a paliar unha situación económica adversa, e que resulten necesarias para o mantemento do emprego por conta propia e por conta allea, así como para conseguir o necesario equilibrio empresarial e asegurar a súa pervivencia, consolidación e mellora. En ningún caso ditas medidas poderán consistir na destrución do emprego existente por conta propia e allea.

c) Liña ITEF: liña de axudas económicas mediante incentivos para impulsar a implantación de iniciativas empresariais de carácter innovador, con contido científico ou con base tecnolóxica, promovidas por mulleres e que supoñan a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea.

d) Liña Concilia: axuda complementaria das liñas Emprende, Activa e ITEF para promover a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, nas súas dúas modalidades: Concilia-promotoras e Concilia-persoas traballadoras por conta allea.

A contía dos incentivos da liña Emprende determínase en atención ao número de postos de traballo creados con carácter estable para mulleres, por conta propia ou por conta allea, dende o incentivo de 10.000 euros ás empresas que cren o posto de traballo da promotora. Ata 22.000 euros ás empresas que cren catro ou máis postos de traballo para mulleres, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido, incluíndo o da promotora ou promotoras.

A contía dos incentivos da liña Activa determínase en atención ao número de postos de traballo existentes na empresa, ocupados por mulleres, como consecuencia do mantemento ou do incremento do emprego preexistente, por conta propia ou por conta allea, dende o incentivo de 8.000 euros ás empresas que cren o posto de traballo da promotora. Ata 17.000 euros ás empresas que cren catro ou máis postos de traballo para mulleres, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido, incluíndo o da promotora ou promotoras.

Presentación de solicitudes e prazo

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.


    0 comentarios

    Deixa unha resposta

    Marcador de posición do avatar

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *