Subvencións do programa de acción comunitaria da provincia de Pontevedra para o ano 2024 (Plan Provincia Comunitaria 2024), publicadas e dispoñibles no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) e na Sede electrónica da Deputación, https://sede.depo.gal.
Primeiro. Entidades beneficiarias.
As asociacións de veciños, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños e asociacións de mulleres rurais da provincia de Pontevedra que estean legalmente constituídas e debidamente inscritas no Rexistro de Asociacións da Comunidade Autónoma de Galicia (central ou provincial), e cumpran os requisitos sinalados na base 4ª.
Segundo. Obxecto.
Constitúe o obxecto destas bases a ordenación do procedemento aplicable para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para sufragar os gastos derivados de investimentos (execución de obras e adquisición de equipamentos) realizados polas entidades beneficiarias no marco das actuacións subvencionables definidas na base 1ª e cuxa execución se inicie a partir do 1 de xaneiro de 2024 ata o fin do prazo de execución.
Terceiro. Réxime xurídico.
De conformidade co establecido no artigo 5 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións (LXS) e do artigo 4 da Ordenanza xeral de subvencións da Deputación de Pontevedra (OXS), as axudas que se arbitren a favor das entidades beneficiarias no marco desta liña de axudas, terán o carácter de subvencións e rexeranse pola seguinte normativa: a LXS, nos artigos de carácter básico e na súa normativa tamén básica de desenvolvemento; Lei de subvencións da Comunidade Autónoma de Galicia e a súa normativa de desenvolvemento; artigos non básicos da LXS e normativa de desenvolvemento; lexislación de réxime local estatal e autonómica; a OXS; Bases de execución do orzamento, sobre todo nos aspectos orzamentario e contable; convocatoria e bases reguladoras destas; actos administrativos ditados polos distintos órganos da Deputación.
Cuarto. Contía e aplicación orzamentaria.
O financiamento deste programa ascende a un total de UN MILLÓN DE EUROS (1.000.000,00€) financiados con fondos propios da Deputación con cargo ao orzamento provincial do exercicio 2024, imputables contra a aplicación orzamentaria 2024/942.4590.789.07.
Esta contía poderá ampliarse como consecuencia da existencia de remanentes noutras convocatorias da forma establecida na base quinta.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes.
O prazo de presentación das solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación das bases e do extracto desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) e na Base de Datos Nacional de Subvencións (BDNS) e ata o 29 de febreiro de 2024.
Sexto. Forma de presentación de solicitudes.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente na Sede electrónica da Deputación de Pontevedra, https://sede.depo.gal, de acordo co procedemento electrónico establecido para o efecto. Deberá acompañarse a documentación esixida conforme a base décima.
Sétimo. Outros datos.
• Procedemento de concesión: concorrencia non competitiva, conforme os requisitos e criterios establecidos nas bases primeira, cuarta e sexta das reguladoras do programa.
• Gastos subvencionables: os recollidos para cada modalidade na base primeira.
• Compatibilidade: non.
• Prazo de execución: desde o 1 de xaneiro de 2024 ata o 30 de novembro de 2024.
• Prazo de xustificación: ata o 30 de novembro de 2024.
• Prórroga dos prazos de execución e de xustificación: ata 3 meses.
• Forma de xustificación: mediante a achega dunha memoria explicativa, conta xustificativa, facturas e demais documentación xustificativa, segundo o previsto na base décimo quinta.
• Ingreso da subvención: unha vez aprobada a xustificación adiantarase o importe da subvención sen necesidade de ter pagados os gastos.
• Forma de pago: todos os gastos que se xustifiquen deberán aboarse mediante transferencia bancaria no prazo dun mes desde que se perciba o ingreso da subvención.
• Trámites posteriores ó pagamento: deberán achegarse os xustificantes de gasto no prazo de dous meses desde a percepción do ingreso da subvención.
0 comentarios