Convocatoria 2024 do Programa “Culturea” de apoio á promoción cultural de agrupacións ou asociacións da provincia de Pontevedra.
BENEFICIARIOS
Poderán ser persoas beneficiarias das actuacións, con cargo a esta convocatoria, as agrupacións ou asociacións sen fins de lucro legalmente constituídas e inscritas no rexistro administrativo correspondente ou as entidades locais menores, da provincia de Pontevedra.
Todos os requisitos deberán acreditarse na data de presentación de solicitudes e manterse durante todo o período de execución do programa subvencionado.
Quedan expresamente excluídas do ámbito do programa:
• As solicitudes efectuadas por persoas físicas, empresas, comunidades de montes, colexios profesionais, entidades deportivas, centros educativos e as ANPA.
• As administracións públicas, os seus organismos autónomos, empresas públicas e outros entes públicos, distintas das entidades locais menores.
Non poderán obter a condición de beneficiarias as entidades nas que concorra algunha das prohibicións recollidas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como aquelas que de forma manifesta incumprisen algunha das condicións da cláusula oitava.
Non poderán obter a condición de beneficiarias aquelas entidades que formen parte, directa ou indirectamente, do grupo sobre o que se solicita a actuación.
ACTUACIÓNS SUBENCIONADAS
A través deste programa as entidades beneficiarias poderán solicitar a autorización de actuacións de grupos do Catálogo previsto na base quinta, nas súas actividades culturais realizadas na provincia de Pontevedra durante o ano 2024 que deberán ir dirixidas ao público en xeral e ser de entrada libre.
As entidades interesadas, como organizadoras dos actos, deberán declarar responsablemente na súa solicitude que contan coa dispoñibilidade do grupo solicitado para a realización da actuación na data solicitada, así como que coñecen as condicións e obrigas do programa.
IMPORTE DAS AXUDAS
A Deputación de Pontevedra con cargo a este programa:
• Retribuirá aos grupos cada actuación autorizada de acordo cos seguintes importes máximos, debendo o resto do importe do caché, de ser o caso, aboalo a entidade solicitante da actuación:
Tipo de grupo | Importe | Tipo de grupo | Importe |
Animación infantil | 210,00 € | Grupos músico-vocais | 210,00 € |
Audiovisuais | 240,00 € | Grupos pop-rock | 300,00 € |
Baile moderno | 210,00 € | Humoristas | 210,00 € |
Ballet | 240,00 € | Majorettes | 210,00 € |
Bandas de gaitas | 270,00 € | Masas corais (grupo A) | 270,00 € |
Bandas de jazz | 300,00 € | Masas corais (grupo B) | 240,00 € |
Bandas de música (grupo A) | 800,00 € | Maxia | 300,00 € |
Bandas de música (grupo B) | 600,00 € | Música clásica (grupo A) | 240,00 € |
Bandas de música (grupo C) | 500,00 € | Música clásica (grupo B) | 210,00 € |
Cantautoras/es | 210,00 € | Orquestras clásicas | 350,00 € |
Charangas | 210,00 € | Outros folclores | 210,00 € |
Grupos de gaitas | 200,00 € | Pandeireteiras | 240,00 € |
Grupos de playback | 210,00 € | Poetas | 210,00 € |
Grupos folclóricos (grupo A) | 270,00 € | Rondallas | 240,00 € |
Grupos folclóricos (grupo B) | 240,00 € | Teatro (grupo A) | 800,00 € |
Grupos folclóricos (grupo C) | 200,00 € | Teatro (grupo B) | 500,00 € |
Grupos folk | 300,00 € | Teatro (grupo C) | 375,00 € |
• Co obxectivo de ofrecer unha maior visibilidade e facilidade por parte da cidadanía ás actuacións, incluirá os eventos que conten con actuacións autorizadas con cargo ao Programa Culturea na Axenda cultural provincial, dispoñible na web da Deputación de Pontevedra – https://www.depo.gal/es/axenda-de-actividades.
• Dará difusión dos eventos de maior relevancia provincial seguindo un plan de difusión de contidos propios do programa nas redes sociais da Deputación de Pontevedra.
• Porá a disposición das entidades interesadas que así o soliciten un máximo de 50 unidades de carteleira en formato A3, que deberán ser recollidas nalgunha das oficinas habilitadas ao efecto e que se indiquen na solicitude. A estes efectos, as entidades interesadas neste servizo deberán achegar, xunto coa solicitude de actuación, o deseño propio da maqueta do cartel en formatos abertos (InDesing ou similares) ou PDF, que deberá seguir as directrices de publicidade corporativa para a elaboración de carteis dispoñibles na sede electrónica da Deputación de Pontevedra.
OBRIGAS
As entidades ás que se lles autoricen actuacións con cargo a este programa están obrigadas a:
• Levar a cabo a actividade obxecto da solicitude de actuación e notificar os cambios que se puidesen producir ou comunicar a non realización da actividade.
• Facilitar un escenario ou marco adecuado para que poidan efectuar as actuacións sen impedimentos.
• Facer a publicidade das actividades en lingua galega, empregar unha linguaxe non sexista, non discriminatoria e sen incitación ao odio ou a violencia.
• Incluír nas accións promocionais e os materiais de difusión en medios físicos distintos ao cartel (folletos, publicidade e outras pezas promocionais) o logotipo da Deputación de Pontevedra, seguindo as súas respectivas normativas de identidade corporativa, accesibles en https://www.depo.gal/es/identidade-corporativa.
• Mencionar nas accións promocionais e os materiais de difusión en medios dixitais (redes sociais, sitios web, publicidade online) os perfís institucionais da Deputación de Pontevedra e incluír o logotipo da Deputación de Pontevedra nas pezas gráficas anexas, seguindo as súas respectivas normativas de identidade corporativa descritas en https://www.depo.gal/es/identidade-corporativa.
• Conservar un exemplar de cada material promocional que forme parte da actuación financiada coa imaxe corporativa da Deputación de Pontevedra durante un período de 1 ano para o suposto que se realicen actuacións de comprobación do cumprimento dos requisitos da convocatoria por parte do órgano concedente.
• Que o logotipo da Deputación de Pontevedra sexa visible durante a celebración da actuación.
• Facilitar, no caso, a colocación da publicidade estática proporcionada pola Deputación de Pontevedra nun lugar visible.
• Manter vixente en todo momento a póliza de responsabilidade civil e demais seguros obrigatorios.
• Obter todas as autorizacións e permisos necesarios para o bo desenvolvemento da actuación.
• Aboar as taxas da SGAE ou entidades análogas correspondentes de protección de dereitos de autor, cando corresponda.
• Cumprir coa normativa de seguridade e hixiene vixente en cada momento.
• Asinar pola persoa representante o certificado acreditativo da realización da actuación do grupo autorizado, que se lle remitirá xunto coa comunicación de concesión da actuación solicitada.
DOCUMENTACIÓN
As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación, necesaria para a tramitación do procedemento:
• Cartel publicitario en galego do evento e en formato PDF, que deberá seguir as directrices de publicidade corporativa para a elaboración de carteis, accesibles na sede electrónica da Deputación de Pontevedra, dispoñibles na sede electrónica da Deputación de Pontevedra.
• Só no caso de que se solicite a impresión de carteis en formato A3, deseño propio da maqueta do cartel, en formatos abertos (InDesing ou similares) ou PDF.
No caso de que o cartel achegado non sexa o definitivo, as entidades interesadas deberán presentar, sen que medie requirimento por parte da Administración, o cartel definitivo cunha antelación mínima de 15 días naturais con respecto á data de realización da actuación. Non se atenderán as solicitudes que non presenten o cartel definitivo cunha antelación menor ao devandito prazo.
CATALOGO DE GRUPOS
Co fin de dotar as entidades interesadas dunha ampla oferta de grupos créase o Catálogo de grupos Culturea da provincia de Pontevedra, que se configura como o inventario de grupos, artistas e compañías, nas súas múltiples e variadas expresións artísticas, co fin de favorecer e impulsar a actividade artística e a riqueza da cultura popular existente na provincia de Pontevedra.
Este catálogo pretende ser un instrumento vivo, útil e eficaz para o coñecemento dos diferentes grupos de música, teatro, danza e outras modalidades artísticas da provincia. Nel recollerase información detallada sobre cada un dos grupos ou artistas.
- Bases para crear un catálogo de grupos, artistas e compañías, nas múltiples e variadas expresións artísticas (BOPPO 25/11/2019)
- Bases de solicitudes de actuacións de grupos Culturea 2024 (BOPPO 27/12/2023)
Documentación e tramitación:
- Solicitude de inclusión
- Solicitude de grupos acollidos Culturea
- Facturación de actuacións financiadas
0 comentarios