Finalidade da axuda

A finalidade desta axuda do Programa Bono autónomo é a de apoiar:

1. Ás persoas autónomas consolidadas que cumpran os seguintes requisitos:

  • Estean de alta no réxime especial de autónomos ou en mutualidade de colexio profesional,
  • Que teñan o domicilio fiscal en Galicia,
  • Que na data da solicitude teñan unha antigüidade superior a 42 meses ininterrompidos na realización efectiva dunha actividade empresarial ou profesional e
  • Que teñan un rendemento neto reducido dos rendementos de actividades económicas declarados na declaración do IRPF anual inferior a 50.000,00 euros e unha facturación mínima anual de 12.000,00 euros, IVE incluído, na declaración referida ao ano 2022.

2. Ás sociedades de calquera clase e comunidades de bens con domicilio fiscal en Galicia e que cumpran os seguintes requisitos:

  • Que na data da solicitude teñan unha persoa autónoma societaria cunha antigüidade superior a 42 meses ininterrompidos na realización efectiva dunha actividade empresarial ou profesional,
  • Que non fose beneficiaria con anterioridade desta axuda e
  • Que non presentase nesta convocatoria outra solicitude como persoa autónoma individual ou societaria.
  • Que a empresa teña unha facturación mínima anual de 12.000,00 euros, IVE incluído, na declaración referida ao ano 2022 e
  • Que a empresa teña unha base impoñible no imposto de sociedades da declaración realizada referida ao ano 2022 inferior a 50.000,00 euros . No caso de entidades que tributen en réxime de atribución de rendas, este importe de 50.000,00 euros referirase ao rendemento neto reducido dos rendementos de actividades económicas declaradas no IRPF da suma de todos os membros da entidade solicitante (modelo 184)

Contía e destino da axuda

Poderase conceder para a mellora da competitividade da actividade empresarial das persoas beneficiarias desta orde unha subvención do 60 % da actividade que se vai subvencionar, cun límite máximo de 7.000,00 euros de axuda polo conxunto de actividades subvencionables e o resto do gasto será por conta da persoa beneficiaria.

Esta axuda terá unha liña de actuación de mellora da competitividade, a través dos seguintes investimentos:

  • Compra de maquinaria.
  • Compra e/ou instalación para a mellora da eficiencia enerxética.
  • Investimentos para a substitución de combustibles fósiles ou materiais críticos ou escasos.
  • Compra de utillaxe e ferramentas.
  • Reforma do local ou espazo do negocio.
  • Equipamento informático.
  • Equipamento de oficina e/ou negocio.
  • Rótulos.
  • Aplicacións informáticas, páxinas web, apps e redes sociais.
  • Deseño de marca.

No suposto de adquisición, construción, rehabilitación e mellora de bens inventariables, a persoa beneficiaria deberá destinar os bens ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención, que non poderá ser inferior a cinco anos en caso de bens inscritibles nun rexistro público, nin a dous anos para o resto de bens.

No caso de reforma do local do negocio, exclúese da axuda o domicilio habitual da persoa traballadora autónoma, excepto no caso en que quede acreditado que é imprescindible para o desenvolvemento da actividade do negocio.

Subvención do bono das persoas autónomas

Poderase conceder para a mellora da competitividade da actividade empresarial das persoas beneficiarias desta orde, unha subvención do 60% da actividade a subvencionar, cun límite máximo de 7.000 euros de axuda polo conxunto de actividades subvencionables, sendo o resto do gasto por conta da persoa beneficiaria.

A través desta axuda serán subvencionables os gastos realizados desde o 1 de xaneiro de 2024 e ata a data da solicitude da axuda, efectivamente xustificados, mediante facturas emitidas no período subvencionable e documentos bancarios acreditativos do seu pagamento. As ditas facturas e documentos bancarios acreditativos do seu pagamento deben corresponder ao exercicio 2024

Prazo da solicitude

O prazo de presentación de solicitudes iníciase o 29 de xaneiro de 2024 e remata o 30 de setembro de 2024.


Descubre máis desde ASEC ASESORES

Subscríbete para recibir as últimas entradas no teu correo electrónico.


0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *