Axudas de ata 5.000€ para iniciativas, promovidas por persoas de entre 18 e 35 anos e asociacións xuvenís que desenvolvan proxectos que favorezan e promovan o desenvolvemento persoal e comunitario; contribúan ao apoderamento xuvenil, á formación en valores e á consecución de hábitos saudables; e enriquezan a vida social, económica, científica e cultural da provincia.
Obxecto e finalidade
Estas bases teñen por obxecto aprobar a convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia competitiva coa finalidade de poñer en marcha iniciativas colectivas xuvenís e proxectos realizados e ideados en grupo durante o ano 2024.
A convocatoria está dirixida a apoiar estas iniciativas, promovidas por persoas de entre 18 e 35 anos e asociacións xuvenís que desenvolvan proxectos que favorezan e promovan o desenvolvemento persoal e comunitario; contribúan ao apoderamento xuvenil, á formación en valores e á consecución de hábitos saudables; e enriquezan a vida social, económica, científica e cultural da provincia.
Entidades beneficiarias e requisitos
Serán destinatarias destas subvencións:
- As asociacións xuvenís prestadoras de servizos dirixidos á mocidade, sen ánimo de lucro, non sometidas a ningún réxime asociativo específico e con sede social ou cunha delegación na provincia de Pontevedra.
- Os grupos formados por un mínimo de tres e un máximo de oito persoas con idades comprendidas entre os 18 e os 35 anos no momento de presentar a súa solicitude para esta convocatoria, aínda que carezan de personalidade xurídica ao non estar constituídas como asociación, e que propoñan un proxecto de interese xeral e social (en diante “grupos informais”), segundo o disposto no artigo 50.3 da LXG.
As asociacións xuvenís deberán acreditar a súa inscrición no Censo de Entidades Xuvenís da Xunta de Galicia, no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia, no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) ou en calquera outro rexistro oficial.
Os grupos informais estarán compostos por un mínimo de tres e un máximo de oito persoas con idades comprendidas entre os 18 e os 35 anos. As persoas integrantes actuarán baixo unha denominación común de grupo, sen prexuízo da obriga de identificar individualmente cada un dos compoñentes; unha delas deberá asumir o papel de representante do grupo.
O 75 % das persoas que formen parte do grupo deberán estar empadroadas nalgún concello da provincia de Pontevedra e reunir o requisito de idade no momento de presentar a solicitude.
Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, non se poderá modificar a composición do grupo.
En ningún caso se admitirá que unha mesma persoa forme parte doutro grupo informal ou asociación que solicite estas axudas.
Só se poderá presentar un proxecto por asociación ou grupo informal solicitante.
Para poder beneficiarse destas axudas, é obrigatorio que a asociación e todas as persoas que integren o grupo informal estean ao corrente das obrigas tributarias para a percepción de axudas públicas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT), coa Facenda autonómica da Xunta de Galicia, coa Deputación de Pontevedra e coa Seguridade Social, circunstancias que serán comprobadas nas condicións establecidas na base novena; así como, non incorrer en ningunha das outras prohibicións sinaladas no artigo 10 da LXG.
Contía das axudas
A dotación destinada a esta convocatoria é de cen mil (100.000,00) euros, con cargo á aplicación orzamentaria 24/233.2310.48002, condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da súa concesión.
O importe máximo subvencionado por proxecto será de cinco mil (5.000,00) euros.
Proxectos e gastos subvencionables
As iniciativas presentadas englobaranse nalgunha das seguintes áreas de actuación:
- Iniciativa empresarial: proxectos que lle permitan á xuventude poñer en marcha as súas ideas no ámbito do emprendemento e da empregabilidade, no fomento dos sectores emerxentes vinculados ao sector das novas tecnoloxías, así como proxectos sostibles e que contribúan ao desenvolvemento e á dinamización do medio rural.
- Vida saudable e loita contra a violencia e as condutas de risco: proxectos que promovan hábitos saudables e preveñan condutas de risco ou violentas entre a poboación xuvenil, que sensibilicen sobre a saúde mental e a prevención do suicidio, que preveñan e loiten contra calquera forma de discriminación ou violencia ―especialmente por razón de xénero―, e que persigan a igualdade real e efectiva das persoas trans e garantan os dereitos das LGTBI.
- Fomento da cultura en todas as súas áreas e da innovación, así como promoción dos sectores científico, tecnolóxico e dixital, e das ciencias xurídicas e das sociais: proxectos dirixidos a promover a cultura, a ciencia e as humanidades en calquera dos seus ámbitos, a poñer en valor o patrimonio cultural e a fomentar os sectores científico, xurídico, tecnolóxico e dixital.
- Creación de consellos locais de xuventude e fomento do asociacionismo e do voluntariado xuvenil.
- Promoción do desenvolvemento e dinamización do medio rural: a loita contra a soidade non desexada e proxectos que teñan impacto no rural desde a perspectiva de reto demográfico.
- Protección do medio e loita contra o cambio climático.
Gastos subvencionables
Son gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza do proxecto presentado, resulten estritamente necesarios para levalo a cabo e financien actividades desenvolvidas do 1 de xaneiro ao 31 de decembro de 2024.
Os gastos ordinarios e de funcionamento da asociación e/ou entidade serán subvencionables cando estean asociados ao proxecto e recollidos no orzamento de gastos, na porcentaxe que lle corresponda, sen superar en todo caso o 10 % do orzamento total.
No caso que se trate do alugueiro de espazos e/ou do equipamento necesario para poñer en marcha o proxecto, o seu importe non poderá superar no seu conxunto o 40 %.
Serán financiables os gastos de desprazamento, aloxamento e manutención que estean directamente relacionados co proxecto, que sexan imprescindibles para a súa posta en marcha e que non superen o 20 % do orzamento total.
Se o proxecto presentado inclúe formación, serán financiables os honorarios das e dos docentes, así como o seu desprazamento e manutención, sempre que o prezo se axuste ao valor do mercado.
Así mesmo, financiaranse os custos do persoal contratado para poñer en marcha a iniciativa ata un límite do 30 % sobre o total do orzamento.
Será tamén subvencionable o custo de adquisición de equipamento e material non inventariable; é dicir, cando sexa funxible ou a súa vida útil non sexa superior a un ano. A súa adquisición no conxunto do proxecto non poderá superar os novecentos (900,00) euros en total.
0 comentarios