Prazo solicitude de adhesión de entidades colaboradoras: desde as 9:00 h do 15 de xaneiro de 2024 ao 30 de xuño de 2024 (artigo 4.4).
Inicio prazo de solicitude axudas: 9:00 h do 8 de febreiro de 2024 (artigo 4.5).
Finalización prazo de solicitude: 30 de setembro de 2024 ou ata esgotar fondos.
A continuación, descríbense brevemente as características principais desta liña de axudas en réxime de concorrencia non competitiva, aínda que a información que se considerará oficial para tódolos efectos será a Resolución do 20 de decembro de 2023 da Axencia Instituto Enerxético de Galicia (Inega) pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a renovación de electrodomésticos, en réxime de concorrencia non competitiva, así como a selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á convocatoria para a anualidade 2024 (códigos de procedemento IN414B, IN414C) (DOG de 12 de xaneiro de 2024).
Conceptos obxecto da subvención
As actuacións que se subvencionan son a renovación de electrodomésticos en vivendas sitas na Comunidade autónoma de Galicia que cumpran os seguintes requisitos.
Son subvencionables a renovación de electrodomésticos das tipoloxías indicadas na seguinte táboa, por outros novos da mesma tipoloxía e con etiqueta de clasificación enerxética establecidos na mesma táboa, segundo a clasificación vixente a partir de marzo de 2021 (Regulamento (UE) 2017/1369 do Parlamento Europeo e do Consello). No caso das encimeras, é subvencionable a substitución da encimera preexistente de calquera tecnoloxía por outra nova de indución total (placas que teñan soamente tecnoloxía de indución, non mixtas). Para acceder á subvención hai que entregar o electrodoméstico retirado a un xestor autorizado.
Electrodomésticos subvencionables |
---|
Frigorífico e frigorífico – conxelador con clasificación enerxética A, B, C ou D |
Conxelador con clasificación enerxética A, B, C ou D |
Lavadora A ou B (*) |
Lavalouza A, B ou C |
Placas de indución total (soamente tecnoloxía de indución, non mixtas) |
(*) Inclúe lavasecadoras sempre e cando teñan unha cualificación para lavado A ou B.
Beneficiarios
Poderán ser beneficiarios das subvencións as persoas físicas que realicen algunha das actuacións subvencionables nunha vivenda sita na Comunidade Autónoma de Galicia. Para ser beneficiario terá que tramitar a súa solicitude a través dalgunha das entidades colaboradoras adheridas que figuren no listado que se publique na páxina web do Inega, www.inega.gal.
Período de actuacións obxecto da subvención
A adquisición e instalación dos equipos debe realizarse con posterioridade a entrada en vigor do presente Plan. A data límite para executar o proxecto e presentar a solicitude de pagamento ca documentación xustificativa dos investimentos é de 60 días naturais contados desde o día seguinte á presentación da solicitude coa data límite do 30 de setembro de 2024.
Contía da axuda
A cantidade da subvención non poderá ser superior ao 25% do prezo do electrodoméstico para un consumidor xeral, do 50% para consumidores vulnerables e do 75% para consumidores vulnerables severos.
Considéranse consumidores vulnerables e vulnerables severos os que cumpran os requisitos establecidos no Real Decreto 897/2017, de 6 de outubro, polo que se regula a figura do consumidor vulnerable. O bono social eléctrico establece un desconto do 25% para consumidores vulnerables e do 40 % para consumidores vulnerables severos, o que deberá acreditarse mediante a presentación dunha factura de enerxía eléctrica cunha antigüidade máxima de 3 meses. O beneficiario só poderá beneficiarse da axuda correspondente a consumidor vulnerable ou vulnerable severo na vivenda que figure na factura de electricidade con aplicación do bono social.
Na seguinte táboa establecese a axuda máxima por electrodoméstico en función da súa tipoloxía.
Electrodomésticos subvencionables | Axuda máxima (€/electrodoméstico) | ||
---|---|---|---|
Consumidor Xeral | Consumidor Vulnerable | Consumidor Vulnerable Severo | |
Frigorífico e frigorífico – conxelador con clasificación enerxética A, B, C ou D | 150 | 300 | 450 |
Conxelador con clasificación enerxética A, B, C ou D | |||
Lavadora A ou B | 100 | 200 | 300 |
Lavalouza A, B ou C | |||
Placa de indución total (soamente tecnoloxía de indución) | 100 | 200 | 300 |
Un beneficiario só poderá recibir axuda pola substitución dun único electrodoméstico de cada unha das tipoloxías de equipos incluídos e cun máximo de dous electrodomésticos por beneficiario.
As persoas beneficiarias de edicións anteriores non poderán repetir a mesma tipoloxía de electrodoméstico subvencionados con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2020.
Solicitude de adhesión de entidades colaboradoras
O prazo de solicitude de adhesión de entidades colaboradoras é dende o 15 de xaneiro de 2024 ata o 30 de xuño de 2024 (artigo 4.4).
Poderán ser entidades colaboradoras todos aqueles establecementos comerciais que se dediquen de forma total ou parcial á venta de electrodomésticos e, particularmente, aqueles cuxa actividade se enmarque nun ou varios dos epígrafes seguintes correspondentes ás tarifas do Imposto sobre Actividades Económicas, aprobado por Real Decreto Lexislativo 1175/1990, de 28 de setembro:
– Epígrafe 653.2.- 2 Comercio polo miúdo de material e aparatos eléctricos, electrónicos, electrodomésticos
– Epígrafe 661.1.- Comercio en grandes almacenes,
– Epígrafe 661.2.- Comercio en hipermercados,
– Epígrafe 662.1.- Comercio polo miúdo de toda clase de artigos en economatos e cooperativas de consumo.
– Epígrafe 662.2.- Comercio polo miúdo de toda clase de artigos, en establecementos distintos dos especificados no Grupo 661 e no epígrafe 662.1.
Proceso de solicitude de adhesión das entidades colaboradoras
a.- A primeira vez que a entidade colaboradora acceda á aplicación asignaráselle un usuario e un contrasinal. Este usuario e contrasinal serán os válidos para consultar o estado da solicitude de adhesión, para cubrir as solicitudes de axuda e para ver o seu estado. Para adhesións simplificadas deberá utilizar o mesmo usuario e contrasinal que na convocatoria do ano 2023.
b.- A entidade colaboradora deberá acceder á aplicación informática dispoñible na páxina web do Inega (https://www.inega.gal) ou accesible dende a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) para cubrir a solicitude de adhesión (Anexo II) e o Convenio de colaboración (Anexo III).
Unha vez xerada a solicitude normalizada deberá presentala por vía electrónica.
Se a documentación presentada está completa, formalizarase a adhesión da entidade colaboradora. No caso de detectarse algunha deficiencia, procederase ao envío dun requirimento de emenda, suspendéndose a formalización da adhesión da entidade colaboradora ata que complete a totalidade da documentación.
Prazo para a presentación da solicitude de axuda
O prazo de presentación de solicitudes comeza ás 9:00h do día 8 de febreiro do 2024 e finaliza o 30 de setembro de 2024.
A concesión das axudas realizarase en réxime de concorrencia non competitiva, asignando os fondos por orde de entrada no rexistro.
Procedemento presentación de solicitudes de axuda
Só poderán presentar solicitudes as entidades colaboradoras adheridas. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado accesible dende a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega, https://www.inega.gal.
Para poder presentar a solicitude deberase achegar, conxuntamente coa mesma, copia dixitalizada da autorización para a representación, conforme ao modelo do Anexo V.
O solicitante ou representante legal deberá posuír un DNI electrónico ou calquera outro certificado dixital en vigor.
Unha vez presentada a solicitude e reservados os fondos, a axuda considerarase pre-concedida e poderase proceder á súa execución e, posteriormente, a presentar a solicitude de pagamento.
0 comentarios