Obxecto e ámbito de aplicación

Esta orde ten por obxecto regular, na Comunidade Autónoma de Galicia, as axudas directas e as axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control (SIXC) indicadas no artigo 2, do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020 e do Plan Estratéxico da PAC de España 2023-2027 (PEPAC), e convocar as:

  • Axudas directas á agricultura e á gandería do Plan Estratéxico da PAC de España 2023-2027 (PEPAC), anualidade 2024.
  • As primas anuais de mantemento asociadas ás axudas para a reforestación e para a creación de superficies forestais e para o establecemento de sistemas agroforestais (Solicitudes de pagamento da anualidade 2024 das submedidas 08.10 e 08.20 do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020).
  • Os pagamentos a zonas con limitacións naturais e outras limitacións específicas (Solicitudes de axuda e pagamento para a anualidade 2024 da medida 13 do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020).
  • As axudas relativas ás intervencións medioambientais e climáticas do Plan Estratéxico da PAC de España 2023-2027 (PEPAC) (Solicitudes de pagamento da anualidade 2024)

Os procedementos administrativos regulados nesta orde son os seguintes:

a) MR250A. Pagamentos directos á agricultura e á gandaría, e axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control (solicitude única).
b) MR239K. Solicitude de modificación do Sistema de información xeográfica de parcelas (Sixpac).
c) MR239G. Comunicación de cesión das axudas con cesión da explotación.
d) MR239O. Recoñecemento como entidade colaboradora.
e) MR240D. Solicitude de modificación da solicitude única.
f) MR241C. Solicitude de asignación de dereitos da reserva nacional.
g) MR241D. Comunicación de cesión de dereitos.

Pagamentos a zonas con limitacións naturais e outras limitacións específicas do Programa de Desenvolvemento Rural 2014-2020

Persoas beneficiarias
Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as que cumpran os requisitos de persoa agricultora activa.
Ademais, estas axudas só se concederán ás persoas agricultoras non pluriactivas definidas como:

a) No caso de persoas físicas, serán aquelas que cumpran a condición de agricultor a título principal (ATP) ou explotación prioritaria de acordo coa normativa vixente.
b) No caso de persoas xurídicas ou de agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as que cumpran a condición de explotación prioritaria.

Importe da axuda

  1. O importe da axuda será de ata 280 €/ha de SI nas zonas con limitacións naturais de montaña e de ata 210 €/ha de SI nas zonas con limitacións naturais distintas de montaña.
    Estes importes serán decrecentes en función da superficie indemnizable, segundo se indica:
    a) Ás primeiras 5 ha, correspóndelles o 100 % do importe.
    b) Entre mais de 5 ha e 25 ha incluída, o 75 %.
    c) Entre mais de 25 ha e 100 ha incluída, o 50 %.
    d) A partir de mais de 100 ha non se concede axuda.
  1. A SI determinarase a partir da SAU situada no concello da explotación ou nos concellos adxacentes que estean clasificados como zona de montaña e/ou zona distinta de montaña. Para o seu cálculo terase en conta o seguinte:
    a) As superficies forraxeiras só se computarán nas explotacións que cumpran a condición de admisibilidade da carga gandeira.
    b) Ás superficies de pastos arbustivos ou pastos arborizados, aplicaráselles un coeficiente redutor de 0,30.
    c) Establécese un máximo de SI de 100 ha.
  2. No caso de que o orzamento dispoñible sexa insuficiente para cubrir os pagamentos en cada submedida, a todas as persoas beneficiarias co importe máximo indicado no punto 1, realizarase un rateo proporcional para axustar os pagamentos ao dito orzamento.

Axudas relativas ás intervencións medioambientais e climáticas do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027

Elementos comúns
En prol dunha maior claridade, neste artigo recóllense os elementos comúns ás distintas intervencións medioambientais e climáticas do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 así como os requisitos que deberán cumprir as persoas beneficiarias que presenten solicitudes de pagamento vinculadas a compromisos aprobados e iniciados ao abeiro da Orde do 15 de marzo de 2023 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control (DOG nº 55, do 20 de marzo).

  1. O pagamento das axudas concederase ás persoas agricultoras beneficiarias titulares de explotación que se comprometeron voluntariamente a realizar operacións consistentes nun ou en varios compromisos agroambientais e climáticos na superficie agrícola da súa explotación, e servirán para compensar os custos adicionais e as perdas de ingresos como consecuencia dos compromisos subscritos.
  2. Os compromisos contraeranse por un período de 5 anos. Non é posible incrementar o número de unidades comprometidas: superficie, animais ou colmeas.
  3. As persoas beneficiarias das axudas deberán presentar anualmente unha solicitude de pagamento da axuda.
  4. As incompatibilidades das axudas relativas ás intervencións agroambientais e climáticas identifícanse no anexo VI.
  5. Nos casos nos que as persoas beneficiarias das axudas indicadas no punto 1 deste artigo dispoñan dun servizo de asesoramento específico dunha entidade de asesoramento recoñecida, a dita entidade deberá remitir a información indicada no anexo V antes do 31 de xullo de 2024. No caso de modificación, a dita información deberá remitirse antes do 30 de setembro de 2024.

Axudas forestais do Programa de Desenvolvemento Rural 2014-2020

Persoas beneficiarias
No ano 2024 poderán solicitar o pagamento da prima de mantemento as persoas que cumpran a seguinte condición:
Ter concedida a prima anual de mantemento asociada ás axudas para a reforestación e para a creación de superficies forestais ao abeiro da Orde do 1 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2022, para a concesión das primas de mantemento das forestacións cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020, ou da Orde do 16 de novembro de 2022
pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2023 para a concesión das primas de mantemento das forestacións, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020.


Descubre máis desde ASEC ASESORES

Subscríbete para recibir as últimas entradas no teu correo electrónico.

Categorías: AXUDAS

0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable: ASESORIA DE EMPRESAS E CALIDADE SL.
  • Finalidad:  Moderar los comentarios.
  • Legitimación:  Por consentimiento del interesado.
  • Destinatarios y encargados de tratamiento:  No se ceden o comunican datos a terceros para prestar este servicio. El Titular ha contratado los servicios de alojamiento web a Dinahosting que actúa como encargado de tratamiento.
  • Derechos: Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional: Puede consultar la información detallada en la Política de Privacidad.

Usamos cookies propias e de terceiros para analizar os nosos servizos e amosarte publicidade relacionada coas túas preferencias en base a un perfil elaborado a partir dos teus hábitos de navegación.   
Privacidad