A Tesourería Xeral da Seguridade Social lanzou unha nova aplicación móbil coa que se pode acceder aos principais datos persoais, realizar diferentes trámites como darse de alta no réxime de autónomos e coñecer a situación na Seguridade Social.
A aplicación achega á cidadanía as funcionalidades do portal Import@ss (portal web de trámites e información da Seguridade Social) e engade algunhas novas, así como as vantaxes propias dunha app: recibir avisos personalizados e notificacións ‘push’; acceder con identificación biométrica -sempre que se acceda con Cl@ve Permanente- ou descargar documentos no dispositivo, sen necesidade de ter conexión a Internet.
Entre os seus servizos máis utilizados están a consulta e descarga do Informe de Vida Laboral, a consulta de bases de cotización, o trámite de alta de autónomo ou a modificación de datos persoais.
As súas principais funcionalidades son:
- Consulta e descarga do Informe de Vida Laboral
- Consulta de bases de cotización
- Alta de autónomo ou modificación de datos persoais
- Actualización dos datos de contacto
- Consulta ou solicitude do Número da Seguridade Social
- Xestión de trámites de Traballo Autónomo ou Emprego de fogar, entre outros, e descarga de xustificantes
- Procura fácil de trámites
- Acceso a información sobre novidades en materia de Seguridade Social, noticias e vídeos
A aplicación está dispoñible para descarga en Google Play e na App Store de iOS e, unha vez descargada no dispositivo, hai tres formas de autenticarse:
- Cl@ve Permanente
- Certificado dixital (só en Android)
- SMS
Tras identificarse, pódense configurar as notificacións ‘push’ e activar o acceso biométrico -con pegada dactilar ou recoñecemento facial- para futuras conexións. Tras cumprir con este paso, poderase acceder á información de forma personalizada, realizar trámites e descargar informes.
Se a persoa usuaria non se identifica a aplicación mostrará información xeral sobre os servizos que a Tesourería pon á súa disposición.
A aplicación ofrece catro perfiles diferentes para relacionarse coa Seguridade Social: autónomos; emprego de fogar (tanto para empregadas como para empregadores); artistas e alumnos en prácticas.
No caso do perfil de “Traballo Autónomo” permite acceder a toda a información e trámites dispoñibles se se está dado de alta ou se vai a comezar a traballar por conta propia (alta e baixa, modificación da base de cotización, consulta de recibos ou simulación de cotas segundo os rendementos, entre outros).
Descubre máis desde ASEC ASESORES
Subscríbete para recibir as últimas entradas no teu correo electrónico.
0 comentarios