Subvencións do Programa de axudas ao alugamento de vivenda na Comunidade Autónoma de Galicia, para facilitar o goce dunha vivenda en réxime de alugamento a sectores de poboación con escasos medios económicos, mediante o outorgamento de axudas directas ás persoas arrendatarias.
Así mesmo, por medio desta resolución convócanse estas axudas para a anualidade 2024, con carácter plurianual.
A concesión das axudas recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na correspondente convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Persoas beneficiarias
Persoas físicas maiores de idade que residan nunha vivenda en réxime de alugueiro e que reúnan todos e cada un dos requisitos que se establecen no ordinal sexto das bases reguladoras destas subvencións.
(Resolución do 18 de decembro de 2023 publicada no DOG núm. 8 do 11/01/2024).
Contía das axudas
Concederase ás persoas beneficiarias unha axuda do 50%, 40% ou 30% da renda que deban satisfacer polo alugueiro da súa vivenda habitual e permanente, en función dos seus ingresos.
As porcentaxes anteriores de axuda poderán incrementarse en 10 puntos porcentuais para determinados colectivos sinalados nas bases reguladoras.
A contía da axuda recoñecida na resolución de concesión determinarase en función da renda establecida no contrato, sen que en ningún caso o seu importe poida ser incrementado, aínda que a citada renda aumente ao longo da duración do contrato.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes de concesión inicial da axuda, comezará o día 15 de xaneiro de 2024 e terminará o día 29 de febreiro de 2024 e, en todo caso, ao esgotamento das partidas orzamentarias contidas nesta convocatoria, o que será obxecto de publicación no DOG e na páxina web do IGVS mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.
Para solicitar a renovación da axuda as persoas interesadas deberán achegar no prazo que se sinale na correspondente resolución de concesión inicial da axuda o anexo III de solicitude de renovación da axuda.
0 comentarios