Axudas do programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Activa comercio

Actividade subvencionable

Por medio desta orde subvencionarase a compra de bens, a través dos bonos Activa comercio, nos establecementos comerciais retallistas de Galicia adheridos ao programa.
As vendas subvencionadas serán as que se realicen nas datas fixadas no artigo 17 destas bases reguladoras.

Cada bono terá a consideración de bono desconto por un valor de ata 30 € para as compras realizadas nos comercios adheridos. Poderase usar cada bono ata o seu esgotamento ou, no seu caso, ata o esgotamento do crédito dispoñible no programa.
O importe do bono irase reducindo en función do valor da compra realizada de acordo cos seguintes criterios:

  • Desconto de 5 € en compras iguais ou superiores a 20 € e inferiores a 30 €.
  • Desconto de 10 € en compras iguais ou superiores a 30 € e inferiores a 50 €.
  • Desconto de 15 € en compras iguais ou superiores a 50 €.
    Todas estas contías enténdense co IVE incluído.

Alta e requisitos dos comercios para a adhesión ao programa

Os establecementos comerciais retallistas que desexen adherirse ao programa bonos Activa comercio deberán rexistrarse na web www.bonosactivacomercio.gal indicando a seguinte información:

  • Nome e apelidos ou razón social.
  • Establecemento comercial en Galicia.
  • NIF.
  • Nome, apelidos e DNI ou NIE da persoa representante.
  • Nome comercial.
  • Enderezo do establecemento comercial.
  • Número de teléfono móbil.
  • Correo electrónico.
  • IAE principal (incluído no anexo I).
  • IBAN da conta bancaria.
  • Páxina web do establecemento comercial.

O prazo para adherirse ao programa será dende o día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o esgotamento do crédito dispoñible ou, en todo caso, ata o 15 de decembro de 2024, sen prexuízo da súa posible ampliación nos termos establecidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas.

Poderán adherirse ao programa bonos Activa comercio os establecementos comerciais retallistas que cumpran os seguintes requisitos:

Que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia (establecemento comercial en Galicia) e reúnan as condicións legalmente establecidas para o exercicio da súa actividade.

Que sexan persoas empresarias autónomas ou pequenas e medianas empresas de conformidade co previsto no Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014.

Que estean dados de alta nalgún dos grupos ou epígrafes do IAE recollidos no anexo I desta orde.

Sistema de funcionamento dos bonos

A descarga dos bonos polas persoas usuarias realizarase na web www.bonosactivacomercio.gal. Os bonos terán formato dixital a través dun código QR e estarán dispoñibles para a súa utilización nunha APP que permita realizar pagamentos (Wallet ou similar).

Para trocar os bonos e poder facer efectivos os descontos ás persoas usuarias, os/as comerciantes terán que descargar no seu móbil a APP bonos Activa comercio.

No momento da compravenda, os/as comerciantes terán que introducir na APP o importe e o concepto da venda, aparecendo automaticamente o importe a cobrar (unha vez aplicado o desconto). Pola súa banda, as persoas usuarias deberán mostrar o seu bono en formato código QR e pagar, en efectivo ou con tarxeta, o importe final da compra realizada.

Os bonos descargados poderanse utilizar ata que o importe total dos descontos efectivamente realizados en compravendas alcance os 2.500.000,00 €.

Data de descarga dos bonos

Os bonos estarán dispoñibles na web www.bonosactivacomercio.gal para a súa descarga polas persoas usuarias dende o 4 de novembro ata o 31 de decembro de 2024, agás no caso de que o importe total dos descontos efectivamente realizados en compravendas alcance os 2.500.000,00 €.


      0 comentarios

      Deixa unha resposta

      Marcador de posición do avatar

      O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *