Conceptos subvencionables
Son proxectos subvencionables as inversións en equipos consumidores de enerxía ou elementos que contribúan a unha xestión enerxética eficiente incluídos nas tipoloxías de actuación que se detallan a continuación. O investimento mínimo para que as actuacións sexan subvencionables debe ser de 1.000 euros por solicitude, sen incluír o IVE. No caso de que a solicitude contemple exclusivamente o bono de asesoramento enerxético o investimento mínimo da solicitude establécese en 200 euros por solicitude, sen incluír o IVE.
Cada solicitante poderá presentar unha única solicitude por cada centro de traballo. Cada solicitude poderá contemplar unha ou varias actuacións de distinta tipoloxía dentro dos bonos contemplados. Excepcionalmente se permitirá a presentación de dúas solicitudes cando unha delas contemple exclusivamente o bono asesoramento enerxético.
a) Bono asesoramento enerxético:
i) Diagnose enerxéticas, que inclúan inventario dos principais equipos consumidores do centro de traballo, análise de consumo, propostas de optimización do consumo enerxético e de mellora da contratación e facturación da enerxía avaliando o custo e aforro económico derivado;
ii) Auditorías enerxéticas, que ademais do contido das diagnose deben completar a parte de análise de consumos con medicións (análise de combustión de caldeiras, medición consumo eléctrico dos principais equipos consumidores, análise termográfico das instalación, medicións lumínicas, …) e na parte de proposta de mellora debe analizar actuacións de eficiencia enerxética, de implantación de enerxías renovables, de mellora da contratación e facturación da enerxía e implantación de sistemas de tele-xestión e automatización que permitan reducir o consumo enerxético.
As empresas que realicen os traballos deben estar dadas de alta na “Listaxe de empresas interesadas en prestar servizos de diágnose/auditoría enerxética no contexto do programa Bono Enerxía Peme”. Esta listaxe actualízase dinámicamente e inclúense empresas a medida que se reciban solicitudes.
b) Bono envolvente: elementos de control solar (toldos ou láminas de control solar e/ou térmico. So serán subvencionables toldos de cor branco e/ou negro e variantes destas cores). En ningún caso serán subvencionables os elementos que incorporen publicidade.
c) Bono iluminación: renovación de equipos de iluminación interior e/ou exterior, incluídos rótulos e escaparates, por outros que utilicen tecnoloxía LED e os elementos de control asociados.
d) Bono instalacións eléctricas: mellora da eficiencia enerxética en instalacións eléctricas garantindo unha subministración con calidade e fiabilidade (renovación de transformadores, incorporación ou renovación de sistemas de alimentación ininterrompida, compensación de enerxía reactiva, instalación de filtros economizadores ou similares).
e) Bono equipamento: renovación do equipamento consumidor de enerxía como cafeteiras, lavalouzas, lavadoras, secadoras, pasadoras de ferro, vending, mobles frigoríficos, autoservizo e calquera equipamento de consumo enerxético propio do establecemento sempre que se poda acreditar unha cualificación enerxética B ou superior. Cando non se dispoña dun sistema de etiquetaxe oficial poderase utilizar como referencia outro sistema, como Eurovent ou similar. Aqueles equipamentos para os cales non exista sistema de cualificación enerxética poderán ser subvencionables se acreditan este aspecto e xustifican que o novo equipamento previsto ten unha eficiencia enerxética superior ao substituído. Deberá xustificarse a retirada do equipo existente e a súa entrega a un xestor autorizado.
f) Bono climatización: equipamentos que permitan reducir o consumo de enerxía das instalacións de climatización, ventilación e auga quente sanitaria. Esta medida contempla exclusivamente as instalacións fixas, destinadas á climatización e/ou produción e consumo de auga quente sanitaria do establecemento, quedando fora do seu ámbito os equipamentos móbiles e os non permanentes para a climatización de terrazas e outros espazos abertos ao público. Os novos equipamentos deberán ser de potencia térmica nominal superior a 5 kW e ter unha cualificación enerxética B ou superior. Cando non se dispoña dun sistema de etiquetaxe oficial poderase utilizar como referencia outro sistema, como Eurovent ou similar. Aqueles equipamentos para os cales non exista sistema de cualificación enerxética poderán ser subvencionables se acreditan este aspecto e xustifican que o novo equipamento previsto ten unha eficiencia enerxética superior ao substituído. Tamén serán subvencionable a incorporación de recuperadores de calor, de sistemas de arrefriamento gratuíto, a mellora dos illamentos da instalación de climatización, sistemas de movemento de fluídos caloportadores e de regulación e control (sistemas de regulación en función de medicións de CO2 ou da temperatura exterior, billas economizadoras accionadas mediante infrarroxos e outros).
g) Bono inmótica: sistemas domóticos e/ou inmóticos que permitan xestionar a enerxía e o gasto enerxético de forma máis eficiente. No caso de sistemas de telemedida intelixentes que permiten monitorizar as instalacións e detectar consumos anómalos, consideraranse elixibles se incorporan algún tipo de actuador ou automatismo, por exemplo enviando alarmas advertindo de situacións non desexadas. Se só miden e analizan non se consideran elixibles.
Beneficiarios
Poderán ser beneficiarios das subvencións as pequenas e medianas empresas legalmente constituídas e os empresarios autónomos que teñan domicilio social ou centro de traballo en Galicia e cuxa actividade estea incluída entre as seguintes seccións do CNAE 2009:
SECTOR SERVIZOS-SECCIÓN CNAE 2009 | DIVISIÓN |
---|---|
SECCIÓN G: Comercio por xunto e polo miúdo; reparación de vehículos de motor e motocicletas | 45 a 47 |
SECCIÓN H: Transporte e almacenamento | 49 a 53 |
SECCIÓN I: Hostalería | 55 a 56 |
SECCIÓN J: Información e comunicacicacións | 58 a 63 |
SECCIÓN K: Actividades financeiras e de seguros | 64 a 66 |
SECCIÓN L: Actividades inmobiliarias | 68 |
SECCIÓN M: Actividades profesionais, científicas e técnicas | 69 a 75 |
SECCIÓN N: Actividades administrativas e servicios auxiliares | 77 a 82 |
SECCIÓN P: Educación | 85 |
SECCIÓN Q: Actividades sanitarias e de servizos sociais | 86 a 88 |
SECCIÓN R: Actividades artísticas, recreativas e de entretemento | 90 a 93 |
SECCIÓN S: Outros servizos | 94 a 96 |
Período de actuacións subvencionables
Serán subvencionables os gastos e investimentos realizados entre o 1 de xaneiro e o 2 de outubro de 2023, dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
Contía máxima da axuda
A contía da subvención será do 80 % do custe elixible da actuación.
Con carácter xeral, establécese unha axuda máxima de 6.000 euros por solicitude. A axuda asociada ao bono de asesoramento enerxético non computará aos efectos deste límite, e virá limitada polos custes elixibles máximos establecidos na seguinte táboa en función do consumo do centro de traballo.
Consumo do centro de traballo (kWh/ano) | Custe elixible máximo diagnóstico (€) | Custe elixible máximo auditoría (€) |
---|---|---|
Ata 5.000 | 500 | 1.000 |
De 5.000 a 25.000 | 1.000 | 2.000 |
De 25.000 a 100.000 | 2.000 | 4.000 |
Máis de 100.000 | 3.500 | 7.500 |
O importe total das axudas de minimis concedidas a unha única empresa non excederá de 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.
Solicitude de alta na listaxe de empresas
Para solicitar a inclusión na listaxe “Listaxe de empresas interesadas en prestar servizos de diágnose/auditoría enerxética no contexto do programa Bono Enerxía Peme” debe remitirse ao Inega, a través da aplicación electrónica accesible desde o seguinte link, o Anexo V da resolución en calquera momento desde a publicación ata o remate do prazo de presentación de solicitudes de axuda.
A “Listaxe de empresas interesadas en prestar servizos de diágnose/auditoría enerxética no contexto do programa Bono Enerxía Peme” ten a finalidade de facilitar o contacto entre solicitantes e provedores, en ningún caso debe entenderse como garantía do Inega da calidade dos traballos resultantes, cuxa responsabilidade corresponde ás partes.
Prazo para a presentación da solicitude
O prazo de presentación de solicitudes comeza o día 25 de xaneiro ás 9:00 h e remata o 29 de xuño de 2023.
0 comentarios