Obxecto

Concesión de axudas ás familias con nenos e nenas residentes en Galicia  de ata doce anos de idade, estes incluídos, para a atención de necesidades de conciliación de carácter puntual ou durante os períodos de vacacións escolares,  que teñan lugar entre o 1 de xaneiro e o 8 de setembro  de 2023, así como proceder á súa convocatoria.

A quen vai dirixido?

Poderán ser beneficiarias das axudas do programa Bono Concilia Familia os pais/nais e as persoas titoras de nenos e nenas de ata doce anos de idade, estes incluídos, ou as persoas que os/as teñan en situación de acollemento familiar ou garda con fins adoptivos, que residan na Comunidade Autónoma de Galicia.

Requisitos

a) Que o neno ou a nena sexa menor de trece anos no momento en que se produce o suposto para o cal se solicita a axuda.

b) Que ambos os pais/nais, persoas titoras, acolledoras, gardadoras con fins adoptivos, familias monoparentais ou pais/nais con custodia non compartida estean efectivamente traballando, tanto no suposto de solicitudes por enfermidade ou accidente do neno ou nena como por necesidades en períodos de vacacións escolares.

Nos supostos de custodia compartida, este requisito entenderase referido ao tempo en que esta se exerza efectivamente e, nestes casos, cada pai/nai deberá presentar unha solicitude individual.

Ademais, as persoas beneficiarias teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Prazo

Prazo de presentación: 05/07/2023 – 15/09/2023

O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o día 15 de setembro de 2023. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Documentación para a presentación

Solicitudes .

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario/a e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento .

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I), dirixida á xefatura territorial da Consellería de Política Social e Xuventude da provincia onde teñan o seu domicilio, a seguinte documentación xeral:

a) Anexo II, relativo á comprobación de datos dos membros da unidade familiar debidamente cuberto e asinado.

b) Certificado de empadroamento das persoas menores que non dispoñan de documento nacional de identidade (DNI).

c) Copia do/dos libro/s de familia ou, na súa falta, outro documento que acredite oficialmente a situación familiar.

d) Copia da resolución xudicial ou administrativa que declare a adopción ou a garda con fins adoptivos, de ser o caso, cando se trate de adopcións formalizadas por outra comunidade autónoma.

e) Copia da resolución xudicial ou administrativa que declare a situación de tutela, de ser o caso, só cando se trate de tutelas formalizadas por outra comunidade autónoma.

f) Copia da resolución administrativa de acollemento familiar, de ser o caso, cando se trate de acollementos formalizados por outra comunidade autónoma.

g) Documentación acreditativa da monoparentalidade, de ser o caso, cando fose expedida por outra comunidade autónoma.

h) Certificado de convivencia e sentenza de separación ou divorcio, convenio regulador ou resolución de medidas paternofiliais, nos casos de familias con custodia compartida ou formadas por unha soa persoa proxenitora como consecuencia de separación legal, divorcio ou outras situacións análogas.

2. Así mesmo, deberán achegar a seguinte documentación acreditativa da causa que dá dereito á axuda dos supostos do artigo 4.1:

a) Xustificante médico acreditativo da situación de enfermidade ou accidente do neno ou nena ou da persoa coidadora habitual, de ser o caso.

b) Documento acreditativo da asistencia á entrevista ou curso en que conste expresamente a data e horas da súa realización, no caso de asistencia da persoa coidadora habitual a entrevistas de traballo ou cursos de formación.

c) Se é o caso, xustificante médico acreditativo da situación establecida no artigo 4.1.a).4º que dá lugar á necesidade de coidado e documentación acreditativa do parentesco co neno ou nena ou coa persoa coidadora habitual no caso de situacións puntuais de coidado de familiares, do neno ou nena ou da persoa coidadora habitual, ata o segundo grao de parentesco por consanguinidade ou afinidade, sempre que impidan a atención do neno ou nena.

3. Igualmente, en caso de enfermidade ou accidente do neno ou nena, de situacións puntuais de carácter laboral da persoa coidadora habitual ou de necesidades en períodos de vacacións escolares, presentarase a seguinte documentación:

a) No caso de traballadores/as por conta allea, certificado da empresa en que traballe cada pai/nai proxenitor, titor/a, ou persoa que teña o neno ou nena en situación de acollemento familiar ou garda con fins adoptivos, acreditativo de que está efectivamente traballando, no período de desfrute das vacacións. Este certificado incluirá, ademais, no suposto de situacións puntuais de carácter laboral da persoa coidadora habitual, descrición sucinta da situación e indicación da súa duración.

b) No caso de traballadores/as autónomos/as, presentarase a seguinte documentación:

1º. Declaración responsable de cada pai/nai proxenitor, titor/a, ou persoa que teña o neno ou nena en situación de acollemento familiar ou garda con fins adoptivos de que está efectivamente traballando, no período de desfrute das vacacións. No suposto de situacións puntuais de carácter laboral da persoa coidadora habitual, descrición sucinta da situación e indicación da súa duración.

2º. Alta censual ou alta no réxime especial de autónomos, ou certificado de alta na mutualidade profesional como exercente.

4. Presentarase a seguinte documentación acreditativa da actuación realizada que a seguir se relaciona:

a) No caso de contratación de servizos de atención a domicilio, de servizos de conciliación autorizados pola Consellería de Política Social e Xuventude ou de recursos de conciliación colectivos especificamente organizados para a atención dos nenos e nenas nos períodos de vacacións escolares, achegarase:

1º. Facturas ou documentos de valor probatorio equivalente, dos gastos realizados onde conste expresamente a identificación co nome, apelidos e DNI/NIE, da persoa que figure como solicitante da axuda no anexo I, e do/dos neno/s ou nena/s que recibe/n o servizo e o/os día/s en que se prestou. As facturas deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

2º. Xustificantes bancarios que acrediten o pagamento da factura.

b) No caso de contratación dunha persoa empregada do fogar ou ampliación das horas dun contrato preexistente, achegarase:

1º. Contrato de traballo onde conste expresamente o período de contratación, o seu obxecto como coidado de menores e o intervalo horario en que se presta o servizo.

2º. Xustificantes bancarios do pagamento do salario e das cotas da Seguridade Social.

5. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados con anterioridade pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

6. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

7. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude .

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos .

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Documento nacional de identidade (DNI)/número de identidade de estranxeiro/a (NIE) da persoa solicitante, das demais persoas membros da unidade familiar e da persoa cónxuxe ou parella, de ser o caso.

b) Certificado de empadroamento da persoa solicitante, das demais persoas membros da unidade familiar e da persoa cónxuxe ou parella, de ser o caso.

c) Certificación de estar ao día nas obrigas tributarias emitida pola Axencia Estatal de Administración Tributaria da persoa solicitante.

d) Certificación de estar ao día nas obrigas coa Seguridade Social da persoa solicitante.

e) Certificación de estar ao día nas obrigas tributarias coa Facenda da Comunidade Autónoma de Galicia da persoa solicitante.

f) Vida laboral da persoa solicitante e da persoa cónxuxe ou parella, de ser o caso.

2. Consultaranse ademais os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Resolución xudicial ou administrativa que declara a adopción ou a garda con fins adoptivos formalizada na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Resolución xudicial ou administrativa que declara a situación de tutela formalizada na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Resolución administrativa de acollemento formalizada na Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Certificado de monoparentalidade expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente, e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.


Descubre máis desde ASEC ASESORES

Subscríbete para recibir as últimas entradas no teu correo electrónico.

Categorías: AXUDAS

0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *