Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas ás familias residentes en Galicia con nenos e nenas de ata doce anos de idade, estes incluídos, para a atención de necesidades de conciliación de carácter puntual ou durante os períodos de vacacións escolares, que teñan lugar entre o 1 de xaneiro e o 10 de setembro de 2024, (código de procedemento BS412A), así como proceder á súa convocatoria.
Aos efectos desta orde, entenderanse como períodos de vacacións escolares os seguintes períodos do ano 2024:
- Do 1 ao 7de xaneiro.
- Os días 12, 13 e 14 de febreiro.
- Do 25 de marzo ao 1 de abril.
- Do 22 de xuño ao 10 de setembro.
Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias das axudas do programa Bono Concilia Familia os pais/nais e as persoas titoras de nenos e nenas de ata doce anos de idade, estes incluídos, ou as persoas que os/as teñan en situación de acollemento familiar ou garda con fins adoptivos, que residan na Comunidade Autónoma de Galicia e se atopen nos supostos seguintes:
a) Que o neno ou a nena nacera o 1 de xaneiro de 2011 ou con posterioridade a esta data.
b) Que ambos pais /nais, persoas titoras, acolledoras, gardadoras con fins adoptivos, pais /nais con custodia non compartida ou proxenitor de familia monoparental, estean traballando, no suposto de solicitudes por enfermidade ou accidente do neno ou nena e/ou por necesidades en períodos de vacacións escolares.
Nos supostos de custodia compartida, este requisito entenderase referido ao tempo no que esta se exerza efectivamente, debendo presentar, nestes casos, cada pai/nai unha solicitude individual.
Tipo de axuda e contía
A axuda consistirá nunha achega que pode acadar ata un máximo do 75 % do custo das actuacións previstas no artigo anterior e cun límite:
a) De 500 euros por unidade familiar, no caso de contratación dunha persoa empregada do fogar ou de servizos de atención á infancia a domicilio.
b) De 200 euros por cada neno ou nena no caso de asistencia a servizos de conciliación autorizados pola Consellería de Política Social e Igualdade ou a campamentos ou outros recursos de conciliación colectivos especificamente organizados para a atención dos nenos e nenas nos períodos de vacacións escolares.
0 comentarios