Axudas para os investimentos para a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas, financiadas polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga). As axudas terán como finalidade mellorar o rendemento global das empresas do sector vitivinícola e a súa adaptación ás demandas do mercado, así como aumentar a súa competitividade. Concederase apoio financeiro aos investimentos materiais e inmateriais en instalacións de transformación e infraestruturas vinícolas, así como en estruturas e instrumentos de comercialización, mesmo co fin de mellorar o aforro de enerxía, a eficiencia enerxética global e os procesos sostibles.
Beneficiarias
Poderán ser beneficiarias da intervención de investimentos:
a) As empresas vitivinícolas que no momento da solicitude produzan ou comercialicen os produtos contemplados no anexo VII parte II do Regulamento (UE) 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello do 17 de decembro de 2013, ou que, como consecuencia da execución da operación obxecto da solicitude de axuda, comecen esa produción ou comercialización. As empresas deberán estar constituídas con anterioridade á data de presentación da solicitude.
b) As organizacións de produtores vitivinícolas recoñecidas conforme ao artigo 152 do Regulamento (UE) 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello do 17 de decembro de 2013, e as súas asociacións.
c) As asociacións de dúas ou máis produtores, con personalidade xurídica, dos produtos mencionados no anexo VII parte II do Regulamento (UE) 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello do 17 de decembro de 2013. As asociacións deberán estar constituídas con anterioridade á data de presentación da solicitude.
d) As organizacións interprofesionais.
e) As organizacións profesionais.
Operacións subvencionables
A axuda aos investimentos conforme ao artigo 58.1 b) do Regulamento (UE) 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021, poderá consistir en operacións:
a) Anuais, que afectarán o exercicio financeiro seguinte ao exercicio financeiro no que se peche o prazo de presentación de solicitudes de axuda.
b) Bienais, que afectarán aos dous exercicios financeiros seguintes ao exercicio financeiro no que se peche o prazo de presentación de solicitudes de axuda. Deberán ter un mínimo do 50 % do importe dos conceptos de gasto aprobados incluídos no primeiro exercicio inmediatamente seguinte ao exercicio financeiro no que se peche o prazo de presentación das solicitudes de axuda obxecto da convocatoria.
Só serán elixibles as operacións cun orzamento de investimento solicitado igual ou superior a 100.000 euros.
As operacións contribuirán, polo menos, a un dos obxectivos estratéxicos seguintes:
a) Fomentar a agrupación dos primeiros elos da cadea alimentaria mediante a integración das entidades asociativas e o asociacionismo agrario.
b) Fomento da sustentabilidade social.
c) Fomentar os procesos sostibles desde o punto de vista ambiental a través do aforro de enerxía, a eficiencia enerxética global, a utilización de enerxías renovables, aproveitamento de subproductos, tratamento e valorización de residuos e efluentes.
d) Fomentar a certificación ambiental das instalacións das empresas vitivinícolas.
e) Fomentar a produción ecolóxica.
f) Fomentar os produtos acollidos a réximes de calidade e os pagos de uva por calidade.
g) Favorecer o incremento da dimensión empresarial.
h) Favorecer a participación de persoas viticultoras e elaboradores na cadea de valor.
i) Fomentar os investimentos en comercialización.
j) Fomentar a innovación e a implantación de novos produtos e novas presentacións.
k) Impulsar a adopción de tecnoloxías dixitais nas agroindustrias (Industria Conectada).
A execución das operacións non poderá comezar antes da presentación da solicitude de axuda
Gastos subvencionables
Serán subvencionables os custos das seguintes accións:
a) Construción, adquisición ou mellora de bens inmobles.
b) Compra de nova maquinaria e equipamentos ata o valor de mercado do produto.
Dentro destes gastos quedan incluídas os investimentos en activos materiais consistentes en sistemas que xeren enerxía, sempre que a cantidade de enerxía anual xerada non supere a cantidade de enerxía consumida anualmente nas instalacións obxecto do investimento
c) Gastos administrativos, sempre que en conxunto non superen o 4% dos custos subvencionables totais da operación.
d) Adquisición ou desenvolvemento de soportes lóxicos de computador e adquisición de patentes, licenzas, dereitos de autor e o rexistro de marcas colectivas.
Contía das axudas
As axudas consistirán nunha contribución aos custos incorridos na operación aprobada. As porcentaxes máximas de axuda serán os seguintes:
- Microempresas, Pequenas e Medianas empresas: 40%
- Empresas non Pemes con menos de 750 persoas empregadas ou cuxo volume de negocios sexa inferior a 200 mill. €: 20%
- Empresas non Pemes con 750 ou máis persoas empregadas e cuxo volume de negocios sexa igual ou superior a 200 mill. €: 10%
As solicitudes deberán presentarse antes do 1 de febreiro de cada ano. Só poderá presentarse unha solicitude por establecemento e convocatoria
Descubre máis desde ASEC ASESORES
Subscríbete para recibir as últimas entradas no teu correo electrónico.
0 comentarios