PARA QUE É A AXUDA/SUBVENCIÓN
Os obradoiros concíbense como espazos de encontro entre empresas (para definición de empresa atenderase ao establecido no artigo 1 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014) para explorar solucións tecnolóxicas e vías de colaboración que dean lugar a proxectos de implementación de ferramentas colaborativas sectoriais nos eidos da dixitalización, a sustentabilidade ou a loxística avanzada, susceptibles de optar ás axudas establecidas noutras convocatorias do Igape ou outras administracións galegas ou estatais, ou ben oportunidades de hibridación intersectorial.
As temáticas formuladas en cada obradoiro deberán responder a un ou varios destes eidos: dixitalización empresarial ou transformación dixital, sustentabilidade en calquera das súas vertentes, economía circular, redución de pegadas de carbono ou hidrícas, biodiversidade, etc. ou tamén dirixidos á mellora da función loxística nas empresas, con obxectivos de avanzar na loxística avanzada e sustentable.
Estes espazos de encontro (obradoiros) terán carácter eminentemente presencial, aínda que poderá complementarse con outras actividades non presenciais que contribúan ao mellor fin do obradoiro.
Tendo en conta as tendencias e aprendizaxe provocada pola pandemia, aclárase que se considerará que un encontro ten «carácter presencial» cando as persoas participantes se atopen simultaneamente no mesmo lugar, ou ben cando empreguen unha ferramenta de presenza virtual que asegure a súa interacción simultánea desde distintos lugares, como pode ser unha videoconferencia grupal.
Cada espazo de encontro poderá estar articulado a través de unha ou varias reunións, ademais doutras actuacións de contacto entre os membros do grupo que poidan ser necesarias. Estas reunións terán que documentarse en vídeo ou por escrito acompañada de fotografías.
En cada espazo de encontro (obradoiro) deberán participar persoas dun mínimo de 6 empresas distintas, considerando o total das sesións celebradas. Considerarase que cada reunión está validamente constituída para os efectos destas axudas se asisten persoas de 2/3 das empresas participantes no correspondente espazo de encontro (obradoiro); para determinar ese número mínimo de asistentes á reunión, aplicarase a fracción de 2/3 ao número de empresas participantes tidas en conta para baremar o proxecto (un máximo de 10), redondeando ao número enteiro máis próximo. A cada reunión poderán asistir diferentes persoas por cada empresa.
QUEN PODE SOLICITALA?
Poderán ser beneficiarios os organismos intermedios de carácter empresarial de Galicia. Entenderanse como tal para os efectos destas axudas:
a) Entidades con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro, con domicilio social ou centro de traballo en Galicia, que pertenzan a unha das seguintes categorías: asociacións empresariais, fundacións empresariais ou universidade-empresa, clústeres empresariais ou «hubs» de innovación dixital ao abeiro da Estratexia galega de HID.
b) Centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación tecnolóxica domiciliados en Galicia e que estean inscritos no rexistro establecido para o efecto polo Ministerio de Ciencia e Innovación (Real decreto 2093/2008, do 19 de decembro, polo que se regulan os centros tecnolóxicos e os centros de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal e se crea o rexistro de tales centros, BOE núm. 20, do 23 de xaneiro de 2009).
QUE PRAZO HAI PARA FACELO?
Prazo de presentación
PECHADO
02/01/2024 – 02/02/2024
O prazo de presentación de solicitudes será desde as 8.00 horas do 2 de xaneiro de 2024 e ata as 14.00 horas do 2 de febreiro de 2024.
Descubre máis desde ASEC ASESORES
Subscríbete para recibir as últimas entradas no teu correo electrónico.
0 comentarios