Programa de axudas para a adquisición de vivenda na Comunidade Autónoma de Galicia, que comprende as tres modalidades que se describen a continuación:
– Modalidade A: adquisición de vivendas localizadas nun municipio pertencente ao territorio da Comunidade Autónoma de Galicia cunha poboación residente igual ou inferior a 10.000 habitantes.
– Modalidade B: adquisición de vivendas situadas no ámbito dun centro histórico.
– Modalidade C: adquisición de vivendas cualificadas definitivamente como vivenda protexida de protección autonómica de réxime xeral ou especial.
Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias das axudas contempladas neste programa as persoas físicas maiores de idade que reúnan os seguintes requisitos:
- Posuír a nacionalidade española ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, Suíza, ou o parentesco determinado pola normativa que lle sexa de aplicación. No caso de estranxeiros non comunitarios, deberán contar con autorización de estancia ou residencia en España.
- Ter subscrito con posterioridade á data fixada na correspondente convocatoria un contrato privado ou, de ser o caso, unha escritura pública de adquisición dunha vivenda que cumpra os requisitos establecidos nestas bases. No caso da modalidade C, o contrato privado deberá estar visado pola área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda ou, de ser o caso, a escritura pública deberá conter as cláusulas obrigatorias derivadas da cualificación definitiva da vivenda.
- Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean empadroadas na vivenda adquirida no momento de presentación da correspondente solicitude, para o caso de dispoñer de escritura pública formalizada con anterioridade á referida data. Non obstante, no caso da modalidade B, o requisito do empadroamento só será exixible no momento da finalización das obras, para o suposto de que fora necesaria a súa rehabilitación.
- Que os ingresos anuais das persoas que compoñen a unidade de convivencia cumpran os seguintes requisitos: No suposto da modalidade A, que os ditos ingresos sexan iguais ou inferiores a 3 veces o IPREM. Este límite será de 4 veces o IPREM se na unidade de convivencia existen persoas cunha discapacidade. No caso da modalidade B, que os ditos ingresos sexan iguais ou inferiores a 6,5 veces o IPREM.
- Que nin a persoa solicitante nin ningunha das persoas integrantes da súa unidade de convivencia sexan propietarias ou usufrutuarias dalgunha vivenda en territorio español.
Ademais dos requisitos sinalados no punto anterior, é necesario:
– Na modalidade A, ter menos de 36 anos no momento de solicitar a axuda ou no momento da subscrición do contrato privado ou da formalización da escritura pública de compravenda, cando esta se realice antes da publicación da correspondente convocatoria.
– Na modalidade C, ser adquirente ou adxudicataria, en primeira transmisión, e ter acreditado no correspondente expediente o cumprimento dos requisitos de acceso a unha vivenda protexida exixidos pola normativa reguladora destas vivendas.
No suposto de adquisición da propiedade da vivenda por máis dunha persoa, cada unha das persoas propietarias deberá cumprir os requisitos sinalados neste ordinal para poder ser beneficiaria da axuda.
Contías das axudas
A contía máxima da axuda determinarase en función da modalidade da axuda que se solicite e terá o límite do 20 % do prezo de adquisición da vivenda, sen incluír os gastos e tributos inherentes a esa adquisición:
a) No suposto da modalidade A, a contía máxima da axuda será de ata 10.800 euros por vivenda.
b) No suposto da modalidade B, a contía máxima da axuda será a seguinte:
1ª) Ata 12.800 euros por vivenda, no suposto de vivendas adquiridas por persoas menores de 36 anos.
2ª) Ata 10.800 euros, no caso de vivendas adquiridas por persoas con idade igual ou maior de 36 anos.
3ª) No suposto de vivendas situadas nun ámbito declarado Área Rexurbe, a contía da axuda será de 15.000 euros por vivenda.
c) No suposto da modalidade C, a contía máxima da axuda será a seguinte:
1º) No caso de vivendas situadas en municipios de prezo máximo superior, ata 20.000 euros por vivenda, no suposto de vivendas adquiridas por persoas menores de 36 anos, e ata 16.000 euros, no caso de vivendas adquiridas por persoas con idade igual ou maior de 36 anos.
2º) No caso de vivendas situadas nos restantes municipios de Galicia, ata 16.000 euros, no suposto de vivendas adquiridas por persoas menores de 36 anos, e ata 12.000 euros, no caso de vivendas adquiridas por persoas con idade igual ou maior de 36 anos.
No suposto de adquisición da propiedade da vivenda por máis dunha persoa, o importe da axuda que puidese recibir a persoa beneficiaria que adquira unha parte dela determinarase aplicando a porcentaxe de cota adquirida ao importe da axuda que lle correspondería, para o caso de ter adquirido o 100 % da vivenda.
Requisitos da adquisición
Para poder acceder ás axudas é preciso que a vivenda xa estea construída no momento da presentación da solicitude. Para estes efectos, nas modalidades A e B admitiranse tanto as vivendas novas como as usadas, mentres que na modalidade C ten que tratarse dunha adquisición en primeira adxudicación ou transmisión.
Para poder optar á axuda é preciso que:
a) Na modalidade A, a vivenda debe estar localizada nun municipio pertencente ao territorio da Comunidade Autónoma de Galicia cunha poboación residente igual ou inferior a 10.000 habitantes.
b) Na modalidade B, a vivenda debe estar situada no ámbito dun centro histórico
c) Na modalidade C, a vivenda debe ter sido cualificada definitivamente como vivenda protexida de protección autonómica de réxime xeral ou especial na data de publicación da correspondente convocatoria.
Data límite de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará o 27 de xaneiro de 2025 e rematará o 15 de Outubro 2025
Descubre máis desde ASEC ASESORES
Subscríbete para recibir as últimas entradas no teu correo electrónico.
0 comentarios