Obxecto da convocatoria
Esta orde ten por obxecto regular, no ámbito dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia sostidos con fondos públicos e para o curso 2024/25, os procedementos:
- ED330B. Participación no fondo solidario de libros de texto e axudas para adquirir libros de texto e material escolar.
- ED330G. Aceptación da participación como entidade colaboradora no fondo solidario de libros de texto e axudas para adquirir libros de texto e material escolar.
- ED330H. Rexistro de librarías. Axudas para adquirir libros de texto e material escolar.
Asignación de libros e contía das axudas
A asignación de libros de texto correspondentes aos cursos 3º, 4º, 5º e 6º de EP e a todos os cursos de ESO, que estean dispoñibles no fondo solidario do centro, efectuarase:
a) Ao alumnado que participe no fondo solidario, por orde inversa á renda per cápita da unidade familiar, ata que se esgoten as existencias.
b) Terá preferencia para esta adxudicación o alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65%, con independencia da renda.
Esgotados os libros dispoñibles no fondo solidario, o centro docente adquirirá os libros de texto complementarios que sexan necesarios para garantir:
a) Ao alumnado con renda per cápita familiar igual ou inferior a 6.000 €: seis (6) libros de texto.
b) Ao alumnado con renda per cápita familiar superior a 6.000 € e igual ou inferior a 10.000 €: catro (4) libros de texto.
c) Ao alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65%: seis (6) libros con independencia da renda.
O importe máximo que aboará a consellería a cada centro por cada libro complementario adquirido será de: 40 € en EP e 45 € en ESO.
A contía das axudas para adquirir libros de texto será:
a) Para o alumnado de 1º e 2º de EP:
1º. Renda per cápita familiar igual ou inferior a 6.000 €: 240 €
2º. Renda per cápita familiar superior a 6.000 € e igual ou inferior a 10.000 €: 160 €
b) Para o alumnado matriculado en EE, en centros específicos ou en unidades de EE de centros ordinarios, ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65%, a contía das axudas será de 300 € con independencia da renda per cápita da unidade familiar.
c) Para o alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia, o importe da axuda será o maior correspondente ao ensino e curso no que estea matriculado, con independencia da renda per cápita da unidade familiar.
d) Para o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, ao que se refire a disposición adicional segunda desta orde:
Alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de EP:
1º. Renda per cápita familiar igual ou inferior a 6.000 €: 240 €
2º. Renda per cápita familiar superior a 6.000 € e igual ou inferior a 10.000 €: 160 €
Alumnado de ESO:
1º. Renda per cápita familiar igual ou inferior a 6.000 €: 270 €
2º. Renda per cápita familiar superior a 6.000 € e igual ou inferior a 10.000 €: 180 €
A contía da axuda para adquirir material escolar destinado a alumnado matriculado en EP e en ESO será a seguinte:
1º. Renda per cápita familiar igual ou inferior a 6.000 €: 75 €.
2º. Renda per cápita familiar superior a 6.000 € e igual ou inferior a 10.000 €: 60€.
O alumnado que estea en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia, o alumnado de EE ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65% será beneficiario desta axuda por importe de 75 € con independencia da renda.
Procedemento de participación no fondo solidario de libros de texto e das axudas para adquirir libros de texto e material escolar
Presentación de solicitudes
Poderán presentar solicitudes de participación do fondo solidario de libros de texto e axudas para adquirir libros de texto e material escolar (modelo ED330B) os pais, nais, titores ou representantes legais do alumnado incluído no artigo 1.2. No caso de alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia, presentará a solicitude a persoa titular da dirección do centro de menores ou a persoa coa que conviva en acollemento familiar.
A solicitude será única para todos os fillos e fillas e, de ser o caso, tutelados e tuteladas, que estean admitidos no mesmo centro docente para o curso 2024/25, e nela especificarase o nivel de estudos que espera realizar cada un deles no citado curso. Se estivesen admitidos en centros docentes distintos, presentarase unha solicitude en cada un dos centros, na que se incluirán os admitidos nese centro para o curso 2024/25.
Prazo para presentar solicitudes
O prazo para presentar solicitudes iniciarase o día seguinte da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 21 de xuño de 2024 (este incluído).
Procedemento de aceptación da participación dos centros privados concertados e alta de librarías e demais establecementos
Presentación de solicitudes
As solicitudes dos centros docentes privados concertados de aceptación da participación como entidade colaboradora no fondo solidario de libros de texto e nas axudas para adquirir libros de texto e material escolar, presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado ED330G (anexo V) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.
O prazo de presentación desta solicitude comezará o día seguinte á publicación desta orde no
Diario Oficial de Galicia e rematará o 21 de xuño de 2024 (ambos incluídos).
Normas específicas de xestión das axudas para adquirir libros de texto e material escolar
Xeración e entrega dos vales para adquirir libros texto e material escolar
Vale para adquirir libros de texto. Cando o alumnado de 1º e 2º de EP, EE ou con necesidades específicas de apoio educativo ao que se refire a disposición adicional segunda desta orde estea admitido, o centro docente, a través da aplicación informática, xerará e entregará o vale para adquirir libros de texto sempre que conste que está matriculado para o curso 2024/25 e que devolveu os libros do curso pasado.
Vale para adquirir material escolar. Cando o alumnado de EP, ESO ou de EE estea admitido, o centro docente, a través da aplicación informática, xerará e entregará o vale para adquirir material escolar sempre que conste que está matriculado para o curso 2024/25 e que devolveu os libros do curso pasado.
O vale para adquirir libros de texto (anexo III) e o vale para adquirir material escolar (anexo IV) estarán selados e asinados pola persoa titular da dirección do centro. Non será válida a sinatura electrónica nin os selos que leven integrada a sinatura manual. Cada unha destas axudas dará lugar á xeración do seu propio vale, que será único para cada alumno/a. Na aplicación informática quedará constancia da data de xeración de cada vale.
O centro deberá levar un sistema de control dos vales entregados, de xeito que, en todo momento, poida efectuarse calquera comprobación ao respecto, especialmente a data de entrega á persoa beneficiaria.
0 comentarios