O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde establece as bases reguladoras para a concesión en réxime de concorrencia competitiva das axudas para actuacións de mellora das infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento e restauración galegos por importe de 3,5 millóns de euros.
Obxecto
As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a mellora da infraestrutura turística da Comunidade Autónoma de Galicia mediante a incentivación para a mellora das infraestruturas dos establecementos de aloxamento turístico e de restauración da Comunidade Autónoma de Galicia. En concreto, son actuacións subvencionables as que se realicen en calquera dos seguintes tipos de establecementos turísticos:
a) Os establecementos hoteleiros, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural, apartamentos turísticos e albergues turísticos, de acordo co artigo 55.1 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.
b) As empresas de restauración que se enmarquen dentro do grupo I (só restaurantes) do artigo 77 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.
Actuacións e gastos subvencionables
Consideraranse actuacións subvencionables todas aquelas que se inicien a partir do 1 de xaneiro de 2023. En ningún caso se admitirán nin facturas nin xustificantes de pagamento anteriores á dita data. En concreto, poderán ser obxecto de subvención, de conformidade co que se establece nesta resolución, os seguintes investimentos:
- Actuacións destinadas a mellorar as condicións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas.
- Obras destinadas á mellora das instalacións coa finalidade de obter certificacións de calidade, en especial o Q de Calidade Turística.
- Actuacións destinadas á adaptación ás modificacións normativas e á mellora da clasificación do establecemento que supoñan un incremento de categoría.
- Actuacións de renovación e modernización das instalacións e embelecemento do contorno da instalación.
- Equipamentos mobles necesarios para o funcionamento.
- Actuacións de mellora da climatización que favorezan a sustentabilidade coa implementación de medidas de aforro enerxético, así como a instalación ou mellora de sistemas de extracción e renovación do aire.
- Actuacións de dixitalización dos sistemas de xestión e comercialización do establecemento.
- Adaptación dos sistemas de seguridade e saúde na prestación de servizos.
O investimento neto admitido será de ata 100.000 €. No caso de que o orzamento de execución do proxecto presentado coa solicitude de subvención sexa superior ao dito límite, requirirase a persoa solicitante para que reaxuste o proxecto que se vai executar ao citado límite.
Enténdese por investimento neto o importe orzamentado unha vez deducido o imposto sobre o valor engadido. Se a actuación o require, o titular deberá contar coa correspondente licenza de obras ou, se é o caso, certificado do concello de non precisar a dita licenza. A dita documentación deberá presentarse no momento da xustificación da subvención.
Prazo de presentación
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.
O prazo de presentación de solicitudes será ata o vindeiro 14 de febreiro.
0 comentarios