O Instituto de Estudos do Territorio convoca axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos
Persoas beneficiarias: persoas físicas titulares do ben sobre o que se pretende a actuación
Contía da subvención: O importe da subvención será do 70 % do orzamento do investimento subvencionable, co límite máximo de 3.000 € por solicitante e ben
Poderán ser obxecto de subvención as seguintes actuacións:
a) Actuacións de restauración e/ou revestimento de elementos de fachada.
Poderanse subvencionar actuacións correctoras consistentes no revestimento de paramentos que actualmente están rematados con materiais ou solucións construtivas que poidan resultar inadecuadas para quedar vistas, como podería ser a fábrica de ladrillo, de bloques de formigón, o formigón ou morteiro de cemento.
Poderán incluírse, igualmente, aqueloutras actuacións consistentes na renovación do acabamento dos paramentos cegos de fachadas, carpintarías ou cerrallarías exteriores, que supoñan un impacto paisaxístico como consecuencia do deficiente estado de conservación ou da tonalidade e/ou da intensidade da actual cor de acabamento.
Considérase deficiente estado de conservación aquel en que se atopen os elementos de fachada como consecuencia de patoloxías construtivas tales como descascados, humidades ou manchas permanentes; quedan excluídas de forma expresa as deficiencias estéticas que se resolvan con labores de limpeza.
Considérase que a tonalidade ou a intensidade da cor produce un impacto paisaxístico cando non se adecúa aos criterios establecidos na Guía de cor e materiais de Galicia.
Poderán ser subvencionables as actuacións sobre fachadas de cachotaría ou cantaría que precisen a aplicación ou renovación dos morteiros de rexuntado. En ningún caso se subvencionarán chapados de pedra en cerramentos total ou parcialmente executados con muros de cachotaría ou cantería vista. Os materiais e as cores que se empreguen deberán adaptarse en todo caso aos criterios da Guía de cor e materiais de Galicia.
Queda expresamente excluída de subvención, con carácter xeral, a substitución de carpintarías e cerrallarías exteriores, así como o picado de recebos existentes en fachadas de cachotaría para deixar vista a pedra, sen prexuízo de que poidan ser obxecto de actuacións de renovación de acabamento.
Considerarase unha única excepción en relación coa substitución de carpintarías e elementos de cerrallaría: poderá considerarse a subvención da actuación cando se trate de actuacións sobre arquitecturas tradicionais, en que se propoña a renovación de elementos orixinais de inviable reparación ou a substitución de elementos instalados posteriormente e pouco adecuados aos valores arquitectónicos da edificación ou construción. En todo caso, admitiríase exclusivamente a instalación de carpintarías tradicionais de madeira ou elementos de cerrallaría de fundición de idénticas características ás orixinais.
b) Remate, renovación e/o substitución do acabamento exterior de cubertas.
Poderanse subvencionar actuacións correctoras de impactos paisaxísticos derivados de situacións en que as cubertas das edificacións se atopan en deficiente estado de conservación ou presentan solucións construtivas ou materiais de acabamento que poderían ser considerados como inadecuados. Poderá ser subvencionable a substitución de cubertas de placas de fibrocemento e/ou doutros materiais discordantes cos valores paisaxísticos da contorna onde se sitúa a edificación.
Considéranse incluídas entre as actuacións subvencionables as unidades de obra imprescindibles para o soporte (non estrutural), remate ou renovación das cubertas. Queda excluída de forma expresa a renovación de elementos estruturais (soportes, vigas, pontóns,…), así como as deficiencias estéticas que se resolvan con labores de limpeza.
Para o novo acabamento exterior das cubertas daquelas edificacións situadas en contornas rurais empregarase preferentemente tella cerámica ou lousados de lousa ou cuarcita (en función do material tradicional da comarca), aínda que poden empregarse outros materiais e solucións acordes coas características arquitectónicas da edificación, autorizables de acordo coa normativa de aplicación vixente e que ofrezan un adecuado resultado estético. Para tal fin deberanse aplicar os criterios da Guía de cor e materiais de Galicia.
Queda expresamente excluída de subvención a substitución de cubertas de tella cerámica ou lousa por outras solucións con outros materiais de acabamento. As novas cubertas executadas con tella cerámica ou lousa deberán respectar as características formais da cuberta orixinal, tanto en xeometría como en dimensión das pezas de cubrición.
c) Recuperación, restauración e/ou revestimento de muros de peche de terreos.
Poderán ser obxecto de subvención as actuacións consistentes no revestimento de muros de peche executados con fábrica de ladrillo ou bloques de formigón, sen revestir. O novo revestimento poderá realizarse con pintura (con ou sen recebado previo) ou con morteiros indicados en todo caso para quedar vistos; aplicaranse preferentemente tonalidades brancas ou grises/pardas moi claras. Tamén poderán realizarse chapados de pedra acorde coas características da zona. En todos os casos as actuacións deberán axustarse aos criterios da Guía de cor e materiais de Galicia e da Guía de caracterización e integración paisaxística de valados.
Tamén poderá ser obxecto de subvención a redución da altura dos citados muros, mediante a supresión de fileiras de bloques ou de elementos prefabricados de formigón como celosías ou balaustradas. Nestes casos deberán executarse as solucións que garantan o adecuado acabamento e remate construtivo do elemento.
Así mesmo, poderá ser obxecto de axuda o pintado das portas, portais ou cerrallarías exteriores integradas nos peches de parcelas que supoñan un impacto paisaxístico como consecuencia do deficiente estado de conservación ou da tonalidade e/ou a intensidade da actual cor de acabamento. As cores que se empreguen deberán adaptarse aos criterios da Guía de cor e materiais de Galicia. Queda expresamente excluída de subvención a substitución destas carpintarías e cerrallarías.
Serán igualmente subvencionables as actuacións destinadas á recuperación, restauración ou arranxo de muros de pedra tradicionais, co obxecto de evitar o potencial impacto paisaxístico que produciría a súa perda e/ou o seu mal estado de conservación.
As actuacións deberán respectar a tipoloxía e morfoloxía orixinal do muro en cada caso, e deberanse empregar os mesmos materiais e técnicas con que foron construídos. En todo caso, non será subvencionable, para completar os paramentos destes muros de cachotaría ou cantaría tradicional vistas, a execución de chapados de pedra ou outros revestimentos, agás os recebos de morteiro tradicionais acordes coas características cromáticas do resto do elemento e cos criterios da Guía de cor e materiais de Galicia e cos da Guía de caracterización e integración paisaxística de valados.
Prazo de solicitude: 17 de febreiro (non obstante, as subvencións resóvense por orde de entrada e ata esgotamento do crédito)
0 comentarios