Obxecto e réxime das subvencións

Estas axudas económicas teñen por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar as subvencións, destinadas á execución de diversas actuacións de mellora das infraestruturas de telecomunicacións para a recepción e decodificación do sinal de televisión dixital de alta definición en vivendas unifamiliares non suxeitas ao réxime de propiedade horizontal que radiquen na Comunidade Autónoma de Galicia.

Definicións

Para os efectos desta Orde establécense as seguintes definicións:
a) T-instalador: instalador ou empresa instaladora de telecomunicacións dada de alta na epígrafe A do Rexistro de Instaladores de Telecomunicación do Ministerio de Transformación Dixital, e distribuidor autorizado do servizo Sat-TDT.
b) T-fogar: vivenda unifamiliar non suxeita ao réxime de propiedade horizontal, nos termos sinalados na Lei 49/1960, do 21 de xullo, sobre propiedade horizontal, que se atopa no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e na que o cidadán ten fixada a súa residencia habitual ou a súa segunda residencia, con anterioridade á presentación da solicitude.
c) Risco de exclusión dixital: situación na que se atopa un T-fogar por non estar incluído nas zonas de cobertura definidas no Plan Técnico Nacional nas que se constatou de forma fidedigna por un T-instalador responsable da adaptación a non cobertura por medios terrestres.
d) Televisión dixital: todos os servizos de comunicación audiovisual televisivos lineais en alta definición HD, en aberto, definidos como servizo público ou licenza de servizo de interese xeral, con autorización administrativa de ámbito nacional, ou o servizo público para emitir no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Actuacións e gastos subvencionables

As subvencións destinaranse a cubrir investimentos para o receptor Sat-TDT que se realicen en T-fogares situados en zonas en risco de exclusión dixital, para asegurar a correcta recepción e decodificación, polo menos, dos sinais de Televisión dixital dos servizos radiodifundidos en alta definición HD.

Para que os investimentos sexan subvencionables deberán ser adquiridos a través dunha empresa instaladora de telecomunicacións T-instalador.

A determinación dos gastos subvencionables realizarase conforme o establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Considéranse gastos subvencionables os que estean efectivamente pagados entre o 1 de xaneiro de 2024 e o último día do prazo de xustificación que se establece no artigo 16.2 destas bases. Os impostos indirectos que non sexan susceptibles de recuperación ou compensación polo beneficiario considéranse así mesmo gastos subvencionables.

En ningún caso o importe da subvención concedida poderá superar illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, o custo da actividade subvencionada.

Contía da subvención

O importe máximo da axuda para adquirir o receptor Sat-TDT para T-fogares de vivenda habitual será de 400,00 euros; por cada T-fogar de segunda residencia o importe máximo será de 200,00 euros.

En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

As ofertas comerciais que se realicen ao abeiro das presentes axudas deberán, como mínimo, ser equiparables a aquelas que a mesma empresa empregue na súa comercialización á marxe destas axudas.

Persoas beneficiarias

Poderán resultar beneficiarias das subvencións reguladas nesta orde as persoas físicas que residan nun T-fogar en zonas en risco de exclusión dixital con anterioridade á data de presentación da solicitude.

Unicamente poderá solicitarse unha subvención por cada T-fogar.

Non poderán resultar beneficiarias as persoas en quen concorra algunha das prohibicións establecidas nos apartados 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño de subvencións de Galicia.


0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *