Novacións para refinanciamento de débedas – 2024
Data de publicación: 03/01/2024
Data de inicio solicitude: 04/01/2024
Data de remate solicitude: 30/12/2024 ou ata esgotamento de crédito
Obxecto
Esta Resolución ten por obxecto publicar as bases reguladoras e a convocatoria para as novacións de refinanciamento de débedas co Igape e convocar para o ano 2024 as devanditas operacións de refinanciamento.
Características da axuda
En función da situación da débeda que se vai novar, as operacións revestirán as seguintes modalidades:
1. Novación modificativa e, se é o caso, extintiva, de préstamos en vigor, para axustar o calendario de reintegro á capacidade de reembolso do titular. En todo o non modificado na novación, mantense vixente o establecido no contrato inicial de préstamo.
2. Novación extintiva de préstamos vencidos. Poderán formalizarse tanto cos titulares iniciais como cos garantes ou fiadores, ou cos titulares de bens que garantan a débeda. En todos os casos, suporá a formalización dunha nova operación.
Poderá novarse o importe total das cantidades debidas, e poderanse incluír os xuros e demais conceptos devindicados ata a data da formalización, momento no cal quedará fixado o importe da operación e o cadro de amortización definitivo.
O tipo de xuro determinarase do xeito seguinte:
a) Xuros ordinarios. As novacións que o Igape conceda ao abeiro destas bases devindicarán un tipo de xuro que permita excluír a presenza de axuda de Estado, conforme ao establecido na Comunicación da Comisión Europea de revisión do método de fixación de tipos de referencia e actualización 2008/C 14/02 (DOCE do 19 de xaneiro).
b) Xuros de demora. En caso de atraso no pagamento dalgunha das sumas debidas en virtude dos contratos de préstamo que se formalicen, a prestameira incorrerá de pleno dereito en mora sen necesidade de requirimento previo e estará obrigada a pagar sobre a suma vencida o tipo de xuro ordinario do período máis catro puntos porcentuais. Os ditos xuros liquidaranse o último día do trimestre natural en que se xeraron.
Persoas beneficiarias
Poderán ser titulares das operacións de novación as persoas físicas e/ou xurídicas que cumpran algún dos seguintes requisitos:
a) Sexan titulares de débedas vivas co Igape por préstamos en vigor, que presenten dificultades de liquidez que non lles permiten afrontar as obrigas de pagamento co calendario actual do préstamo.
b) Sexan titulares de débedas co Igape derivadas da falta de pagamento de préstamos xa vencidos.
c) Sexan fiadores de préstamos do Igape con débedas vencidas.
d) Sexan titulares de bens que garantan débedas vencidas co Igape, derivadas da falta de pagamento de préstamos, e pretendan facer fronte ao reembolso das débedas para evitar a perda do ben.
0 comentarios