Obxecto
Facilitar o financiamento da adquisición de uva polas adegas de elaboración de viño acollido ás denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas vitivinícolas galegas para a campaña 2024.
A quen vai dirixido?
1. Poderán ser persoas beneficiarias das axudas reguladas nestas bases, as empresas que teñan cando menos un centro de traballo en Galicia, e que sexan titulares de adegas de elaboración de viño (CNAE 1102), acollido ás denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas vitivinícolas galegas.
2. As empresas poderán ser persoas físicas ou xurídicas. Tamén poderán ter a condición de persoas beneficiarias as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens, as sociedades civís, ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, cumpran os requisitos do anterior número 1.
Neste caso de agrupacións, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe da axuda que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de persoas beneficiarias. En calquera caso, deberá nomearse unha persoa representante ou apoderada única con poder suficiente para cumprir as obrigas que, como persoa beneficiaria, lle correspondan á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007. A operación financeira deberá estar formalizada a nome da entidade, e deberá ser asinada por cada un dos seus membros.
No caso das cooperativas, o préstamo poderá estar asinado por un representante da entidade, logo de autorización dela, ou polos cooperativistas, que asumirán a débeda en proporción á súa porcentaxe de participación.
Características da axuda do Igape
A axuda consistirá na subvención das comisións e intereses aplicados polas entidades bancarias, e sociedades de garantía recíproca, no seu caso, nas operacións de préstamo necesarias para o financiamento da adquisición da colleita de uva do ano 2024, por parte dos titulares de adegas de elaboración de viño acollido ás denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas vitivinícolas galegas. Para ese efecto, considérase que serán susceptibles de apoio os préstamos formalizados entre o 1 de setembro de 2024 e o 30 de decembro de 2024, incluíndo as operacións aprobadas pendentes de formalizar no momento da solicitude.
Os préstamos subvencionados destinaranse ao pago pola adquisición de uva a terceiros na campaña 2024, destinada á súa vinificación na propia adega. As entregas de uva ás cooperativas agrarias e outras entidades asociativas por parte dos seus socios, cando isto sexa obrigatorio en virtude dos seus estatutos, terán tamén a consideración de uva adquirida a terceiros..
0 comentarios