PROGRAMA DE AXUDAS A CREACIÓN DE EMPRESAS CONCELLO DE VILAGARCIA 2024
OBXECTO E FINALIDADE
As presentes bases teñen por finalidade convocar o PROGRAMA DE AXUDAS MUNICIPAIS Á CREACIÓN DE EMPRESAS no ámbito do Concello de Vilagarcía de Arousa, para o exercicio 2024.
O artigo 25 da Lei 7/85, Reguladora de bases de réxime local, indica que o municipio, para a xestión dos seus intereses e no ámbito das súas competencias, poderá promover toda clase de actividades e prestar todos os servizos públicos que contribúan a satisfacer as necesidades e aspiracións dos veciños da localidade.
En sentido similar se pronuncia o artigo 80 da Lei 5/97, de Administración Local de Galicia, que sinala, entre outras, competencias na participación, na formación de activos e desempregados.
Pola súa banda o artigo 86 da Lei 5/97, de Administración Local de Galicia contempla a posibilidade do exercicio por parte do municipio de actividades complementarias das propias doutras Administracións Públicas e, en concreto, a de ocupación e loita contra o paro.
Sobre a base destas competencias, o Concello de Vilagarcía continúa coas medidas de pulo á actividade económica e empresarial favorecendo o emprendemento e a creación de creación de empresas mediante axudas económicas directas para facer fronte aos gastos iniciais inherentes a posta en marcha das mesmas.
BENEFICIARIOS
Poderán acollerse a estas axudas as/os empresarias/os individuais e as micropemes segundo a definición establecida no ANEXO I do Regulamento nº 651/2014 da Comisión Europea, independentemente da súa forma xurídica, que iniciasen a súa actividade empresarial entre o 31 de outubro de 2023 e o 30 de outubro de 2024 (entendendo por inicio da actividade a data de alta no I.A.E.)
REQUISITOS XERAIS DOS BENEFICIARIOS
– Que a empresa estea radicada no concello de Vilagarcía de Arousa.
– Que sexan empresas de nova creación, considerando incluídos neste concepto os traspasos de negocio, exceptuando aqueles traspasos que se realicen entre cónxuxes, parellas de feito e familiares por consanguinidade, afinidade ou adopción ata o segundo grao inclusive, así como as transformacións de forma xurídica.
– Inclúense no ámbito subvencionable os supostos en que se teña producido o relevo xeracional por xubilación e/ou falecemento do titular, mediante a transmisión do negocio aos cónxuxes ou parellas de feito e familiares por consanguinidade, afinidade ou adopción, ate o segundo grao inclusive, así como a empregados do negocio.
– Que, como mínimo, unha das persoas promotoras estea en situación de desemprego na data de inicio da actividade empresarial, e crear alomenos o seu propio posto de traballo en calquera das formas xurídicas existentes.
– Esta circunstancia de estar en situación de desemprego non será exixible no suposto de relevo xeracional, cando a transmisión sexa a empregados do negocio.
– Non ter débedas coa Seguridade Social, Facenda da CA (ATRIGA) e a AEAT.
– Non ter débedas co Concello de Vilagarcía de Arousa.
– Non poderán obter a condición de beneficiarias/os, as/os empresarias/os e as empresas nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 parágrafos 2 e 3 da lei de subvencións de Galicia, e no artigo 13 da Lei Xeral de Subvencións.
CONTÍA E GASTOS SUBVENCIONABLES
CONTÍA
O importe das axudas consistirá nunha contía fixa equivalente á metade dos gastos iniciais de posta en marcha da actividade, cun máximo de 2.500 € por empresa, con obriga de manterse de alta no Réxime correspondente da Seguridade Social, como mínimo, durante un período de dous anos contados dende a data de solicitude de axuda.
GASTOS SUBVENCIONABLES
Só poderán ser obxecto de subvención os gastos, debidamente xustificados, directamente relacionados coa actividade, realizados dende dous meses antes do seu inicio, ata a data de presentación da solicitude de axuda.
A) GASTOS DE CONSTITUCIÓN.
Será subvencionable o 50% dos seguintes gastos xerados no proceso de apertura e constitución da empresa: Visado, honorarios e gastos de proxectos técnicos. Licenza de obra e licenza de apertura. Alta no Rexistro Mercantil. Certificación negativa do nome da sociedade. Honorarios de notarías por escrituras públicas. Publicación en Boletíns Oficiais. Modelo 600 da Xunta de Galicia de constitución da empresa.
B) OBRAS DE ACONDICIONAMENTO DO LOCAL.
Serán subvencionables as obras de acondicionamento (obras de mantemento non inventariables) do local destinado á actividade con un máximo de 1.000 €.
C) EXISTENCIAS INICIAIS DE MERCADORÍAS.
Será subvencionable o 50% do custo de adquisición de primeiras compras de mercadorías, materias primas e doutros consumibles necesarios para a posta en marcha da actividade.
D) GASTOS DE ALUGUER DE LOCAL, VEHÍCULO INDUSTRIAL, APLICACIÓNS INFORMÁTICAS E EQUIPOS INFORMÁTICOS.
Será subvencionable o 50% do custo aluguer de calquera destes conceptos sempre que o elemento alugado sexa imprescindible para a realización da actividade da empresa.
E) PRIMAS DE SEGUROS.
Será subvencionable o 50% do custo de contratación de seguros directamente relacionados coa actividade empresarial (seguro do local, seguro de responsabilidade civil e, como máximo, dun vehículo, só no caso de que este último sexa imprescindible para o desenvolvemento da actividade).
F) SUBMINISTROS E GASTOS CORRENTES.
Será subvencionable o 50% dos seguintes gastos correntes derivados directamente da realización da actividade empresarial: Auga, Teléfono, Electricidade, Gasóleo/gasolina (só no caso de que o vehículo sexa imprescindible para o desenvolvemento da actividade), Material de oficina, Asesoría (só cotas mensuais), Gas, Equipos de seguridade nas súas instalacións (só cota mensual), Publicidade
G) DEREITOS DE PROPIEDADE INDUSTRIAL.
Será subvencionable o 50% dos seguintes dereitos: Patentes, Modelos de utilidade, Deseño industrial, Marcas de produtos ou servizos, Nomes comerciais, Dominio de internet, Software de xestión, Deseño de páxinas ou espazos web
PRAZO DE PRESENTACIÓN
1. O prazo de presentación de solicitudes para as empresas que iniciaran a súa actividade entre o 31 de outubro e o 31 de decembro de 2023, será dende o día seguinte á data de publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial de Pontevedra (BOPPO), ata o 15 de outubro de 2024.
2. O prazo de presentación de solicitudes para as empresas que iniciaran a súa actividade entre o 1 de xaneiro e o 30 de outubro de 2024, será dende o día seguinte á data de publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial de Pontevedra (BOPPO), ata o 31 de outubro de 2024.
PROGRAMA DE AXUDAS MUNICIPAIS A CONTRATACIÓN POR CONTA ALLEA 2024
O obxecto das presentes bases é regular a concesión de subvencións no exercicio 2024, para o fomento e mantemento do emprego por conta allea, de:
– Persoas empadroadas no municipio, con antigüidade mínima de un ano no padrón no momento de iniciarse a contratación, contratadas a tempo completo mediante contratos indefinidos formalizados entre o 1 de outubro de 2023 e 30 de setembro de 2024.
A XGL poderá acordar o outorgamento da subvención para contratacións a tempo parcial no caso de que, pola natureza da actividade da empresa, a xornada de traballo sexa inferior á legalmente establecida para ser considerada “a tempo completo”.
Poderán ser obxecto de subvención un máximo de dúas contratacións por empresa.
A limitación no número de contratacións a subvencionar non se aplicará no caso de que á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes quedara remanente na aplicación orzamentaria. Neste caso, as empresas terán dereito á percibir subvención polos contratos que excedan o devandito límite, na contía que resulte da aplicación do baremo de puntuación, sempre que formalizaran a solicitude no prazo xeral establecido nestas bases. A distribución do citado remanente levarase a cabo por rigoroso rexistro de entrada da solicitude de axuda.
BENEFICIARIOS.
1. Poderán ser beneficiarias das subvencións as persoas físicas ou xurídicas de carácter privado radicadas nas comarcas do Salnés e Caldas, que formalicen, para prestar servizos nas mesmas, contratos por conta allea con traballadores e traballadoras desempregados nos termos indicados na Base Primeira, nas que non concorran, en xeral, as circunstancias excluíntes sinaladas na Lei 9/2007 de 13 de xuño de Subvencións de Galicia e na Lei 38/2003 de 17 de novembro, Xeral de Subvencións.
a) Quedarán excluídos do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, as empresas sancionadas pola comisión de infraccións tipificadas en tal materia no artigo 46.2 do texto refundido da Lei sobre Infraccións e Sancións na Orde Social, aprobado por Real decreto Lexislativo 5/2000, do 4 de agosto e modificacións posteriores.
b) Non se poderán amortizar postos de traballo fixos nos seis últimos meses anteriores ás novas contratacións ou conversións, mediante despedimentos declarados improcedentes, ou regulacións de emprego. Non se entenderá reducido o persoal polas devanditas causas cando, con anterioridade ás devanditas contratacións ou conversións, procedeuse á cobertura da vacante mediante unha relación xurídica da mesma natureza que a anterior.
CONTRATACIÓNS. REQUISITOS.
1.º Estar en situación de desemprego. Poderán ser obxecto de subvención os contratos formalizados con persoas desempregadas inscritas como demandantes de emprego no SPEG.
2.º Estar empadroadas no municipio de Vilagarcía de Arousa. As persoas para contratar/contratadas, deberán levar empadroadas no municipio de Vilagarcía de Arousa, polo menos un ano, no momento de formalizar a contratación/conversión pola que se solicita a subvención.
O cumprimento dos requisitos entenderase referido ao momento de iniciar a relación laboral.
3.º Situacións que dan lugar a subvención. As empresas deberán acreditar que as contratacións para as que se solicita subvención se encadran nalgún dos tres apartados que a continuación se detallan:
Apartado primeiro
1. Persoas beneficiarias de programas de formación: Con certificado/s diploma/s de formación ocupacional para o emprego, acreditativo de concluír satisfactoriamente un proceso formativo ocupacional nos dous anos previos á contratación e que sexan contratadas nunha ocupación relacionada coa formación recibida.
2. Primeiro/a empregado/a de empresa (entendendo por tal o/a primeiro/traballador/a que figure dado/a de alta na Seguridade Social nun centro de traballo nas comarcas de Salnés e/ou Caldas).
3. Mozos/as menores de 30 anos.
4. Persoas con discapacidade recoñecida igual ou superior ao 33%.
5. Persoas maiores de 45 anos.
6. Mulleres vítimas de violencia de xénero.
7. A contratación da persoa en situación de desemprego total ininterrompido durante o ano anterior á data de formalización da contratación.
Apartado segundo
1. Centro de traballo en Vilagarcía de Arousa. Os contratos celebrados para prestar servizos en centros de traballo radicados no municipio de Vilagarcía de Arousa
Apartado terceiro
1. Contratacións de traballadores/as, non incluídos nos apartados anteriores.(Primeiro e segundo).
4º Formalización das contratacións. As contratacións e as transformacións obxecto de subvención, deberán formalizarse por escrito e comunicarse á Oficina do Servizo Público de Emprego na forma regulamentariamente establecida.
5º Xornada. A xornada laboral dos contratos será a tempo completo, coa salvedade contemplada no parágrafo segundo da Base Primeira.
6º. Os contratos para os que se solicite subvención deberán estar vixentes á data de presentación da solicitude de axuda.
MODALIDADES CONTRACTUAIS-REQUISITOS E CONTÍAS DAS SUBVENCIÓNS.
Poderán ser obxecto de subvención, os contratos laborais indefinidos, que teñen por finalidade elevar o nivel do emprego estable e de calidade, fomentando a creación de postos de traballo ligados por contratos de natureza indefinida.
As contías das subvencións estarán en función de dúas variables:
1.ª Tipo de empresa (número de traballadores e/ou antigüidade da empresa). Ambos os requisitos haberán cumprirse no mes da contratación/conversión. A determinación do número de traballadores, referirase ao total dos centros de traballo nas Comarcas do Salnés e Caldas e con independencia do carácter temporal ou indefinido da contratación e da xornada laboral.
2.ª As situacións ás que se refiren a base terceira, punto tres. Segundo o apartado no que se atope, a cada unha das tres variables asígnaselles unha puntuación (táboa n.º1). A suma dos puntos obtidos será a que determine a contía máxima da subvención (táboa nº2)
Taboa n.º 1
Tipo de empresa |
Puntos |
Colectivo segundo a base terceira. |
Puntos |
Empresa que non se atope nos apartados seguintes |
0 |
Apartado 3 |
0 |
Empresa que teña entre tres e dez anos de antigüidade ou entre 10 e 50 traballadores. |
1 |
Apartado 1 |
2 |
Empresa que teña menos de tres anos de antigüidade ou menos de 10 traballadores. |
2 |
Apartado 2 |
1 |
* Antigüidade da empresa: A efectos de esta subvención considerarase como antigüidade da empresa a data na que conste a inscrición da empresa na Administración da Seguridade Social.
Contía subvención:
Taboa n.º 2
Puntuación obtida segundo a táboa n.º 1 |
Subvención máxima proposta |
0 |
800 € |
1 |
1.500 € |
2 |
2.000 € |
3 |
2.500 € |
4 |
3.000 € |
Prazo de presentación das solicitudes.
O prazo de presentación de solicitudes será ata o 15 de outubro de 2024 ou ata esgotar o orzamento, e se contará a partir do día seguinte á data de publicación do EXTRACTO das presentes bases no BOPPO.
A documentación relativa aos proxectos que non resulten subvencionados, poderá ser retirada das dependencias municipais polos/as solicitantes, previa solicitude que debe presentar no rexistro xeral do Concello.
0 comentarios